Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A Pena Castrela

A Pena Castrela atópase nunha pequena elevación do monte do Pedrido, próxima á aldea de Montecelos, na parroquia de Narla, concello de Friol (Lugo). Xa dende lonxe, a enorme pena, fendida de arriba abaixo, impresiona. Ao chegar decátase un da súa magnitude, cunha altura que pode rondar os doce metros. Ao pé ten un espacioso acubillo que ben pode dar cabida a unha ducia de persoas. Nunha pedra inclinada, que pola dereita pecha parcialmente a entrada, vense gravadas dúas profundas coviñas das que parten uns longos sucos, e xusto ao seu carón outras cinco pequenas coviñas. Estas gravuras foron feitas, segundo uns, por man humana mais, segundo outros, teñen carácter sobrenatural. Unhas pías colosais produto da erosión, a semellanza de bañeiras, inzan a cima. Ademais de seren visible dende lonxe, dende o alto da pena domínase toda a contorna, semella que foi posta alí para que a ninguén lle pasara inadvertida. Nunha pena sobre a que asenta a gran rocha vense catro pías aliñadas gravadas artificialmente, cunhas medidas cada unha de trinta por vinte centímetros; debaixo destas hai outra das mesmas características, ademais dunha pequena coviña.

 Como comentei máis arriba, ao mellor as marcas que se ven na rocha non foron feitas por un simple mortal. Iso é, ao menos, o que quedou gravado no maxín popular e que deseguida paso a relatar. 

 Hai, non se lembra canto tempo, unha moura ía camiñando coa súa filla polo monte do Pedrido. A filla levaba unha ola de mazar o leite (tamén se fala de que a ola ía con auga), e a nai, ao tempo que fiaba, transportaba unha enorme pedra sobre a cabeza. Cando chegaron ao sitio onde hoxe en día se atopa a Pena Castrela, a moura esvarou e ao caerlle a pedra da cabeza matou á filla e rompeu a ola. A moura, chea de carraxe, colleu unha gran pedra e lanzouna contra a Pena Castrela ao tempo que exclamaba: "Pena Castrela / rompíchesme a ola / matáchesme a nena / heiche fender dende o rabo á orella" (outras versións rematan: "o demo te fenda / dende o rabo á orella", ou "malo raio te fenda / do rabo á orella").

A pena quedou partida tal como a podemos ver na actualidade. As pías aliñadas das que falei anteriormente dise que son as pegadas dos pés que deixou a moura cando rachou a pedra, as coviñas das que parten os sucos que son as unllas cando, rabiosa, arrabuñou a pedra, e as pequenas cazoletas que hai ao seu carón as marcas dos dedos. 

 Unha segunda versión da lenda, recollida do magnífico blogue Friol: Algo máis que pan e queixo, é a seguinte: Hai moitos anos unha meiga e a súa filla vivían na Pena Castrela. Un día, sen que se saiba o motivo, a filla cortoulle a cabeza á nai. Pero antes de morrer, a meiga conseguiu atravesarlle o corazón cunha unlla. Morreron as dúas. Entón, a pena abriu polo medio, quedando a filla entalada entre as dúas metades da rocha (entre as dúas metades hai unha gran pedra), e a meiga desapareceu, quedando enterrada debaixo da pena.

 A tiro de pedra da Pena Castrela está a Pedra da Moura. Na gran rocha non atopamos nada que nos chamara a atención, e os veciños descoñecen o porqué de tal nome. Pero como ben sabemos, todos os topónimos teñen o seu fundamento.

[Texto e fotografía remitidos por Xabier Moure Salgado. Xuño de 2016]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: