Actualizado en data 22/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Colasín dos paus, o náufrago que salvou a vida pero perdeu a cabeza

Con “Colasín dos paus” incrementamos a nosa galería de “traslidos”, persoas “de mentes diferentes” que tanto abundaron e abundan no noso país.
Soubemos de Colasín grazas a dúas fontes. A primeira “Coñecer a costa de Ribadeo. Lendas, historias, tradicións, sucesos… da nosa costa”, publicación dixital sen data a cargo do alumnado do  CEIP Gregorio Sanz, de Ribadeo (Lugo). A información que aquí se reproduce está tomada dun texto de Víctor Moro, publicado en “Libro das Festas da Patrona” (2007). A segunda fonte é outro pregón, más antigo, este de Ramón Fernández Higueras, pronunciado na Xira de Santa Cruz de 1989 e publicado en www.amigosdagaita.org

Aquí cóntase que Colasín viviu nun pasado impreciso, e que de cando en cando aparecía polos camiños de Ribadeo, por Santa Cruz, polo Alto dos Pinos, pola Vilavella ou pola costa. Era corpulento, co cabelo negro e barbas encanecidas. E dicían que estaba tolo porque ía recollendo do chan todos cantos paus atopaba, moitas veces de gran tamaño, para cargalos ao ombro e seguir andando. Tamén recollía estelas e ramas, e cando perdía unhas collía outras. Nunca volvía atrás.

E esta obsesión explicábase porque sendo mozo formara parte da tripulación dun barco que naufragou na entrada da Coruña. E el foi o único que se salvou. Apareceu nunha praia agarrado a un pau. Vivo, si, pero co sentido ido completamente.
Víctor Moro, sen embargo, opinaba que Colasín era oriundo da comarca de Viveiro, e que o naufraxio puido suceder non lonxe de Ribadeo. Coincide en que se salvou de afogar grazas a agarrarse a un pau, logo de afundirse a embarcación. Descríbeo como un home de ollos penetrantes e de mesta barba. Engade que, ademais de andar por Ribadeo, facía longas camiñatas ata a Coruña.
“Ao chegar á Coruña, fondo Colás” seica dicía e repetía cando regresaba a Ribadeo.

A máis rmáis antiga referencia, polo de agora, tomámola do libro de F. Leal Ínsua "Pastor Díaz, príncipe del romanticismo" (1942). Chámalle "Colás dos paus" e precisa que a póla que levaba ao lombo era de castaño. Aparecía coas andoriñas (entendemos que por Viveiro) pola primavera e dicía que ía cobrar a renda. Sentaba nas portas, dábanlle unha taza de caldo e íase a outra porta. Descríbeo como alto, forte, de barba gris, sempre rodeado de rapaces. Un día, di Leal Ínsua, leu nun xornal doutro pobo (que non identifica) que Colás aparecera morto abarzado ao pau.
Amando Suárez Couto, pintor ribadense, fíxolle o retrato que acompañamos, tomado da publicación do alumnado do CEIP Gregorio Sanz.
Queda moito por saber de Colasín!
 ©Antonio Reigosa

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: