Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Por que celebramos o nacemento de Xesús Cristo o 25 de decembro?

O Calendario Xuliano, aínda que moi semellante ao actual, era imperfecto sobre todo porque non tiña en conta un fenómeno descuberto por Hiparco de Micea no ano 125 a. C. coñecido como precesión equinoccial.

A Terra non é una esfera perfecta senón que ten un avultamento no Ecuador. Ao movemento de rotación (que dura arredor de 24 horas) e ao de traslación (que dura un ano solar) hai que engadir esta alteración provocada pola deformidade da esfera e o balanceo conseguinte, e como consecuencia o Sol retarda a chegada á mesma posición con respecto á Terra uns 11 minutos e 14 segundos cada ano solar.

No primeiro Concilio de Nicea (ano 325 d. C.), decátanse desa desviación e corrixen o calendario de maneira que a data do solsticio de inverno pasa do 25 ao 21 de decembro. Móvese a data do solsticio pero non a do nacemento de Xesús, como tampouco se modifica a data do nacemento de Mitra nin a de celebración do Dies Natalis Sol Invictus, que sigue sendo o 25 de decembro. Mitra era deus oficial en todo o imperio romano desde o 62 a. C. e o gran rival do cristianismo ata que o seu culto foi declarado ilegal no ano 391 d. C.

Para comprobar o desfase provocado pola precesión equinoccial debemos contar os anos entre o 45 a. C. (cando Xulio César actualiza o calendario) e o 354 d. C. (cando se fai oficial o 25 de decembro como data de nacemento de Xesús); multiplicamos eses 11 minutos e 14 segundos de perda anual por ese número de anos e veremos que coincide, máis ou menos, con eses 3 días e pico de diferencia que hai entre a data correcta do solsticio de inverno (21 de decembro) e a de nacemento de Xesús na noite do 24 de decembro.

Dies Natalis Sol Invicti

O culto ao Sol Invicto, o Dies Natalis Solis Invicti, instituido por Aureliano no ano 274, celebrábase en Roma cando a luz do sol comezaba o seu renacemento no solsticio de inverno, daquela o día 25 de decembro. Os fieis acudían a un santuario de onde sacaban en procesión unha imaxe do Sol representado por un neno recén nacido. Constantino decretou no ano 321 que o Dies Solis, o Día do Sol, sería o día de descanso entre os romanos e os emperadores representábanse coa cabeza radiada, como soles, e as súas insignias portaban o lema Soli Invicto. Tamén Mitra se identificaba co Sol, e máis adiante Xesús Cristo representaba o renacemento da luz, así que a fixación oficial do seu nacemento na data do solsticio de inverno non presenta dúbidas.

No ano 380, tras a prohibición de todas as relixións agás a cristiá por Teodosio, acabaron as celebracións do Sol Invicto. No ano 383 o Dies Solis pasou a chamarse Dies Dominicus, Día do Señor (actual domingo) e o Dies Natalis Sol Invictus pasou a ser o Dies Natalis Domini Iesu Christi.

Seguramente tivo moito que ver nesta decisión a identificación de Mitra co Sol, igual que o tería máis adiante a identificación de Cristo co renacer da luz e coa fixación oficial do seu nacemento na data do solsticio de inverno.

Mitra

Deus de orixe persa, derivado probablemente do Mitra hindú, asociado ao sol e á luz. O seu culto foi popularizado no occidente europeo polas lexións romanas. O mitraismo tiña carácter mistérico e gozou de moito predicamento entre os romanos. Compartía co cristianismo moitos dogmas e entre os ss. I e IV d. C. competiron por ser a relixión dominante.

Na cidade de Lugo descubriuse, nun soar situado entre a catedral e a muralla, un altar dedicado ao deus Mitra.

Na inscripción da ara, o dedicante, Gaio Vitorio Vitorino, un centurión da lexión sétima xémina antoniniana e recadador de impostos, pídelle ao deus a protección da oficina de recadación e dos libertos Segundo e Vítor.

Este achádego confirma a existencia dun templo mitraico do s. I-II d. C. en Lucus Augusti, único descuberto ata o de agora no noroeste peninsular.

[Extracto do libro “Trece noites, trece lúas. Libro das marabaillas do Nadal (Mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo de arredor)”, Xerais, 2011]

As ilustracións son de Noemí López


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: