Actualizado en data 24/05/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Os reis Magos de Oriente

Hai preto de dous mil anos

en noites coma esta

saíron os Reis Magos

montados nas súas bestas

(Avelino Pousa Antelo)

Quen son os Reis Magos?

Só fai referencia a eles San Mateo no máis tardío dos evanxeos canónicos cando fala duns magusàioi, sen precisar cantos, que toman o camiño de Belén guiados por unha estrela; non nos di o seu nome, nin menciona que sexan reis, como non o fan as fontes apócrifas. Tampouco se nos di cando se realiza a Adoración, se uns días despois do nacemento ou se dous anos máis adiante como sinalan algún apócrifos.

Os magusàioi da tribo meda dos Magû eran predicadores, expertos en rituais máxicos e astrolóxicos, seguidores de Zaratustra que dexeneraron en charlatáns de feira a consecuencia das persecucións. Unha especie de tribo maldita coma os baluros galegos. Hai quen opina que os Magos viñan de Hamadán, tamén chamada Ecabatana dos Magos, cidade ao sur do Mar Caspio con sona de ter moitos cregos astrólogos que interpretaban ben os soños. Sen embargo, o exercicio da maxia estaba prohibido pola Biblia.

Aqueles astrólogos babilonios, sacerdotes persas, magos cultivadores da astronomía, adiviños, agora chamados Reis Magos, procedentes de Oriente como o Sol, son consecuencia da caracterización que a tradición e a creatividade artística tanto plástica como literaria lles foi atribuíndo ao longo do tempo, especialmente na Idade Media. Agora son reis coroados, esplendidamente vestidos, fornecedores de regalos para nenos e grandes na noite do 5 ao 6 de xaneiro, aínda que non comezaron a popularizarse como tales ata o s. XIX, e só nos países católicos en dura competencia con outros personaxes que xa se ocupaban de realizar ese traballo desde moito antes.

Quen son estes magos, e que significa a estrela que os guía? A resposta habería que buscala seguramente nos cultos a Mitra, pois hai relatos árabes que nos din que tamén recibe ofrendas de magos e pastores; e hai unha tradición irania que asocia a presenza dunha estrela como agoiro ou sinal do nacemento dun rei.

 Só a partir do ano 450 comeza a facer referencia a igrexa á Festa dos Magos ou Festa dos Tres Milagres na que se conmemoraban tres intres relevantes na vida de Xesús: a Adoración dos Magos, o Bautismo no Xordán e a transformación da auga en viño nas Vodas de Caná. Na Idade Media, despois de que as súas supostas reliquias fosen transladadas desde Constantinopla ata a igrexa de San Eustorxio en Milán no s. IX, e de que en 1164 o emperador Federico Barbarroja as roubase para levalas á catedral de Colonia, onde aínda se veneran, o mito e a lenda dos Reis Magos toma corpo e vaise agrandando.

Cantos son estes Reis e estes Magos?

O seu número variou de dous a varias ducias segundo o lugar e a época. Os cristiáns de Oriente quedáronse co número de doce mentres que a tradición occidental acordou que fosen tres por ser este o número das ofrendas: ouro, incenso e mirra. Nos escritos de Oríxenes no S. III xa quedan fixados en tres, aínda que non haberá representacións iconográficas ata o s. VI. Tamén é neste século cando Tertuliano lles chama por primeira vez reis ao identificalos cos reis de Arabia e Saba dos que falan os Salmos; na iconografía non aparecen con coroa de reis ata o s. X.

O rei negro e os nomes dos Reis Magos

Por un apócrifo redactado no s. VI d. C., o Evanxeo Armenio da Infancia de Xesús, coñecemos por primeira vez os seus nomes e coupacións: Melkón, rei dos persas, Gaspar, rei dos indios, e Baltasar, rei no país dos árabes. Beda, o Venerable (673-735), seguramente copiándoos dunha crónica grega anterior, chámalles Bithisarea (Baltasar), Milichior (Melchor) e Gathaspa (Gaspar). A versión dos seus nomes en latín (Melchior, Gaspar e Balthassar) cítase por primeira vez en 1178.

 Melchor represéntase como un vello de longos cabelos e barbas brancas que lle ofrece ouro ao neno; Gaspar, un mozo sen barba con rasgos asiáticos ofrece incenso, e Baltasar, home maduro e fuscus (moreno), de pelo rizado e labios grosos, que lle ofrenda mirra. Desde Ireneo, s. II, a interpretación do significado simbólico dos tres regalos queda fixada da seguinte maneira: a mirra quere dicir que Xesús é home, o ouro que é rei, e o incenso que é deus.

No mosaico bizantino de San Apolinar Nuovo, en Rávena, ano 520 d. C., os tres reis son brancos. Beda, O Venerable, xa fala dun rei moreno no s. VII pero non vai aparecer representado nas iconografías ata o s. XV: Melchor representa aos europeos, Gaspar aos asiáticos e Baltasar aos negros africanos.

Os regalos dos Reis Magos

Aos Reis Magos pídenselles agasallos, sobre todo os nenos e as nenas, e tamén moitos adultos. Soen escribirlles longas cartas nas que detallan, despois de facer declaración expresa de bo comportamento, todo o que desexan que lles traian. Os pais soen lembrarlles unha e outra vez que pidan, ademais de xoguetes, cousas necesarias para vestir ou para o colexio.

A maior parte dos agasallos solicitados chegarán na noite do 5 ao 6 de xaneiro, agás que o neno non tivese o comportamento requerido polos pais. Nese caso pode atoparse coa sorpresa de recibir un saquetiño con carbóns; carbóns, por certo, moi ben imitados aínda que saiban a zucre.

Ata hai uns anos nenos e nenas saían cantar os reis por rúas e rueiros, máis agora nesta tarde-noite do 5 de xaneiro, os concellos organizan en case todas as cidades e vilas a chamada Cabalgata dos Reis Magos, un desfile que percorre as principais rúas, presidido polas Maxestades de Oriente. Soen ir montados en cabalos, ou tractores, raramente en camelos, reparten caramelos e soe rematar o acto cunha audiencia para recibir a todos cantos nenos e nenas o desexen.

Pola noite soe deixarse en cada casa, nun lugar próximo a unha ventá, uns zapatos ou uns calcetíns nos que acoller os regalos que deixen, e ao lado unha provisión de comida e bebida para os Reis e para as súas monturas. Os nenos van cedo á cama e ao amencer, ou antes, érguense e comproban que a maxia fixo posible os seus desexos.

A rosca de Reis

Nas Saturnais romanas elaborábase e comíase unha torta de grandes dimensións na que se agachaba unha faba. Quen tiña a sorte de atopala era elixido rei da festa e todos debían obedecelo.

Eís a orixe de pasatempos festivos como o Rei da faba, costume semellante ás festas de obispiños do Día dos Inocentes, e tamén desta rosca ou roscón tan popular ao que se lle cristianizou o nome a partir do s. X-XI rebautizándoo como Pastel de Reis.

Na al-Andalus musulmá, entre os ss. XIII e XV, había o costume de recibir o novo ano facendo regalos e elaborando un pastel redondo en forma de cidade (mada ‘in) parecido á rosca de Reis actual, aínda que sen sorpresa.

Na actualidade seguimos facendo o mesmo, elaborando con fariña, ovos, figos, mel e outros ingredientes unha rosca doce na que agachamos fabas, moedas ou figuras para que quen as atope entre con ventura no novo ano.

As comidas de Reis

Todas as comitivas que se organizaban para cantar e pedir os aguinaldos por Reis soían rematar coa desgustación dos produtos comestibles conseguidos. Igual que nas que se organizaban polo Nadal ou polo Aninovo era habitual que os coros de aguinaldeiros fosen acompañados de músicos e de personaxes enmascarados como o Vello e a Vella, de bailadores como Danzantes e Madamas con vestidos rechamantes, como se o Entroido petase á porta pedindo o seu tempo.

A comida conseguida, ás veces roubada, era consumida comunalmente recibindo diferentes nomes en cada lugar: Gaiteira de reis, sisa, morada, broma....

Na Mezquita (Ourense) as festas de Reis duran desde o cinco ao nove de xaneiro. Presídea un Rei asistido por un Virrei e cortesáns.Tamén hai unha Raíña que se ocupa de coordinar os labores de cociña. Ninguén traballa neses días, comen e beben xuntos, procuran comida e escotan gastos. O viño, mercado en Vinhais, entraba nun carro trunfante conducido polo Rei e o Virrei coa súa coroa e un manto de percal. O día 5 e o día seis pola mañá cantan piden o aguinaldo polas portas. O día seis chámase Día dos invitados pois acoden ao xantar, ademais dos veciños, as autoridades e persoas de relevancia. O día sete acoden ao banquete os veciños, un por casa. O día 8 é o Día dos galos e faise, ou facíase, a Corrida de galos polo sistema de penduralos dunha corda que atravesa á rúa para que logo os mozos, montados nun cabalo ou nun burro, intenten rabenarlles o pescozo. Esta diversión está xa prohibida. E o día 9, o de remate da festa chámase Día de parranda que é cando desfilan todos presididos polo Rei e a Raíña, e acaba a festa nomeando aos que han presidir o ano seguinte.

En tempos, adoitaban facer bromas moi atrevidas como, por exemplo, colgar o gaiteiro da gamalleira e afumalo ao fume dunhas unhas xestas. Do que se pode chegar a beber é mostra o berro “A xerro por cabeza”, que obrigaba a baleirar a xarra a quen a tivese entre as mans. A festa, cos seus excesos, tamén servía e serve para recompoñer convivencias.

[Extracto do libro “Trece noites, trece lúas. Libro das marabaillas do Nadal (Mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo de arredor)”, Xerais, 2011]

As ilustracións son de Noemí López


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: