Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Contos e historias de raposos (II)

Estes textos (fábulas, contos e sucedidos) son o resultado dun traballo escolar, complementario da lectura do libro “Memorias dun raposo”, realizado por alumnos e alumnas do IES San Rosendo de Mondoñedo.

Con agradecemento ao profesorado que o impulsou e ao alumnado que recompilou (citados en cada caso) e aos seus respectivos informantes. A ilustración é da autoría da alumna Adriana Morán Currás.

A miña avoa contoume que un día viu o raposo unha parra que estaba tan alta que non lle chegaba. Quedou parado, mirando para ela. E preguntoulle o gato:

—Que! Vas polas uvas?

E dixo o raposo:

–Non as quero, que están moi verdes!

[Recollido por: Adriana Morán Currás, 1º ESO. Informante: Remedios (avoa da recompiladora)].

Invitou un can a un raposo a unha voda no ceo. Andaron ben tempo e o raposo preguntou:

–Falta moito?

E respondeulle o can:

—Aínda falta un pouco.

E dixo o raposo:

—Se saio ben desta, non quero máis vodas no ceo!

[Recollido por: Adriana Morán Currás, 1º ESO. Informante: Remedios (avoa da recompiladora)].

Unha pega tiña cinco peguiños. Un día apareceu o raposo e mirou cara o niño, e dixo:

—Pega, peguiña, non me dás un pego?

—Non darei non, que fillos meus son.

E dixo o raposo:

—Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo!

Ante tal ameaza, a pega deulle un dos seus filliños.

E así todos os días ata que só lle quedaban dous pegos. E díxolle un carrizo:

–Sen serras nin machados, non se cortan os carballos!

Outro día pasou o raposo e díxolle á pega:

—Pega, peguiña, non me dás un pego?

—Non darei non, que fillos meus son.

—Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo!

E a pega contestoulle:

–Sen serras nin machados, non se cortan os carballos!

E o raposo tivo que ir coa barriga baleira; e a pega quedou contenta cos poucos fillos que lle quedaban.

 [Recollido por: Adriana Morán Currás, 1º ESO. Informante: Remedios (avoa da recompiladora)].

Un corvo colleu un queixo. Foi comelo a unha árbore e díxolle o raposo:

—Que plumaxe máis bonita tes! Canta! A ver como cantas!

E o corvo púxose a cantar, e por ser tan orgulloso caeulle o queixo e o raposo marchou correndo con el.

 [Recollido por: Adriana Morán Currás, 1º ESO. Informante: Remedios (avoa da recompiladora)].


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: