Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Arredor da morte, no Vicedo

No municipio do Vicedo (Lugo) aínda pervive a crenza de que se se lle fala ao morto, este déixase vestir sen opoñer resistencia, mesmo se xa comezou o "rigor mortis".
Tamén acostuman a poñerlle o mellor traxe que tivo en vida. Outro costume é o de atarlle un pano branco ou negro por baixo do queixo e anoalo na cabeza, apertándoo con forza para pecharlle a boca, xa que se ten a crenza de que, de non facelo, o defunto pode chamar por outra persoa para que o acompañe na derradeira viaxe.
O mesmo acontece cos ollos; péchanllos porque se os “pousa” sobre alguén deberá seguilo no camiño do Alén.
Os veciños de Mosende e Riobarba podían saber cando ía morrer alguén só con oír o son das campás da igrexa. Aseguraban que cando as campás tocaban "moi doloridas" anunciaban unha morte. Tamén dicían que as campás da igrexa da parroquia de San Román só se escoitaban cando tocaban a defunto.
No Folgueiro (Suegos), cando se cava ou se ara a terra, é de mal agoiro deixar sen tapar o último rego porque, dise, semella a fosa dunha sepultura. Se entre cabañón e cabañón queda un rego sen cavar, semella o lugar destinado ao cadaleito da persoa que realizou o labor.

[Información remitida por Xabier Moure Salgado, de Pontide, Suegos, O Vicedo (Lugo), en abril e maio de 2009. Fonte: Elena Fanego, de Folgueiro, Suegos; Manolo "O Asturiano", de Mosende; Dolores Fanego, de Pontide (Suegos), todos do concello de O Vicedo (Lugo)]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: