Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Os curandeiros

Os curandeiros son homes que segundo a especialización ou as artes que usen mudan de nome: compoñedores, saudadores, sabios, pastequeiros, talladores … Adquiren coñecementos herdados da tradición e aplican remedios de diversos tipos para curar doenzas con herbas, apócemas, oracións, ensalmos ou imposición de obxectos ou mans.

Se atenden o gando chámanse albeites ou menciñeiros. Ás veces dise que son bruxos, meigos, feiticeiros, aolladores … porque usan malas artes para causar dano ou incluso matar. E aínda habería outro tipo no que encadrariamos  a adiviños, cartuxeiros, pitonisos, arresponsadores e vedoiros, que son os que poden “ver” por diversos medios a situación de xente afastada ou animais perdidos, e tamén o que pasou nun pasado remoto ou o que aínda ha pasar nun futuro por destapar.

O señor Antón de Ulloa era, ademais de menciñeiro e curandeiro do gando e da xente, un gran contador de historias. Os autores de “Terra de Melide” falan moi ben del. Tiña remedios para case todo. Sacábaos dun libro que el dicía fora escrito polo médico do Padre Santo. Para curar o torzón dos cabalos (inflamación intestinal) usaba unha vara de acivro ou dicía que se unha muller arrincase tres pelos “dacolá” e llos metese na natura a besta, mexaba de contado. Como augur errou, pois dicía que a fin do mundo chegaría a mil pero non a miles. Canto nos alegramos!

O Pichón de Larín, concello de Láncara, a carón do manancial de Céltigos, tiña clientela de todas partes; ata de Italia. Os pacientes dicían que tiña unha cruz no ceo do padal. Conta Isidro Novo, que acompañou ao seu sogro á súa consulta varias veces, que logo de estar brevemente con cada paciente nunha estancia da antiga casa, pasaba a unha peza inmediata na se lle escoitaba rezar en voz alta algo así coma un ensalmo. Logo mandábaos marchar e volver pasado un determinado tempo.

O Meigo de Fradelo, en Viana do Bolo, era adiviño. Sabía o paradoiro das cousas perdidas e o nome de quen as roubara ou cambiara de sitio, agoiraba a morte dos veciños, o que lle valeu moitas malleiras pois crían que era el quen os mataba.  Era quen de convocar ao Demo petando de noite nas táboas da beira do leito e este aparecíaselle en figura de becho negro.

O Entendido de Vilastose, en Muxía, era crego. Non cobraba pero como aceptaba regalos, uns médicos de Santiago para desfacerse del mandáronlle unha torta envelenada. El, que o sospeitou, deulla a probar ao can e o can, claro, morreu.

E coma estes houbo ducias, centos de homes, case un en cada aldea, que tiñan a misión de devolver a saúde a quen llelo solicitaba. Ás veces atinaban e outras non.

Aínda quedan algúns compoñedores ou sandadores coñecidos como bruxos, entre eles máis dun e de dous trampulleiros que fan uso de herbas ou do tacto, cun adobo místico de rezos e ensalmos, dedicados a recompoñer ósos e músculos, ou a saúde perdida. Foron necesarios antes da universalización da medicina científica pero agora só recorren a eles persoas que non atopan o acougo desexado na medicina oficial.

Disto e doutros asuntos relacionados imos falar na IX Xornada de Literatura de Tradición Oral. Será en Lugo, o 12 de novembro; o tema “Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional”.

©Antonio Reigosa

Artigo publicado en "El progreso" o 4 de novembro de 2016.

+ info sobre a IX XORNADA DE LITERATURA ORAL


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: