Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Literatura oral

CATEGORÍAS RELACIONADAS

[Conto] O conto dos muíños

Aquí non se coñecían os muíños rastreiros, de auga. Pero os veciños souberon que en Galicia os había, e que moian máis con menos traballo, así que xuntaron o concello e acordaron buscar uns técnicos para que montasen un muíño comunal neste río. Os técnicos galegos montaron o muíño, puxérono a funcionar, cobraron o acordado e marcharon de volta para a súa terra.
Cando acabaron de moer todo o grao do lugar, os veciños caeron na conta de que esqueceran preguntar como se paraba o muíño. De balde, comezou a andar máis de presa, coa roda botando unhas chispas do carallo. Pensaron que era cousa de bruxas ou do demo, que había que chamar ó cura para que botase uns esconxuros antes de que se estragase a maquinaria. O cura botou os seus responsos sen resultado. Cansado de rezar, decidiu intentar outro camiño:
—Xa que nos respectas a miña palabra, respectarás polo menos a miña coroa!
E agachou a cabeza nunha prolongada avenia. A roda do muíño xiraba a tal velocidade que lle varreu coa cabeza coma se fose unha guillotina.
A xente que estaba alí, escapou ás carreiras, asustada. Saltaron por riba da canle do muíño, para fuxir. Entón, unha vella que xa non estaba para moitas carreiras caeu no medio da canle, cortou a auga e parou o muíño. A partir dese momento, cada vez que querían parar o muíño, atrancaban unha vella na canle.

[Un conto da Zamora galega que fai protagonistas a galegos especialistas en muiños remitido desde o seu blog por (Brumoso) Xabier López Rodríguez, en maio de 2008. A fonte oral foi o narrador Horacio Rodríguez, recentemente desaparecido]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: