Actualizado en data 19/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Literatura oral

Cantigüelas de Bergantiños ( V)

Eu casar ben me casaba,
recelar ben o recelo :
eu sei a vida que teño
pero non sei a que levo.

Se o casar fora de un día
ou tan sequera de un ano
pero el de para sempre
Dios nos teña de su mano.

Non penses porque te miro
que é porque che quería a ti :
aínda me lumbren os demos
senon me río de ti.

Fun ó muíño con Paula,
fun ó muíño con ela ;
fun ó muíño con Paula,
fun en pas e vin en gherra.

Fun contigo ó muíño
e non sei se volverei :
querías aquelas cousas
que ti sabes e eu sei.

O vello perdiu á vella
no carreiro do muíño.
Agora anda chorando
polo seu aparelliño.

O vello e máis a vella
ordenaron de cocere :
tiñan a leña no monte,
a fariña por moere.

Din que os vellos non valen
para facer certos traballos
e inda o demo os atenta
de meterse en fregados.

Era unha vella de oitenta,
o vello de oitenta e dous...
Tiñan gaña de cereixas
¡e xuntáronse os dous!

Pensades de me olvidar,
metínche as pallas nos ollos :
o día que me olvidaches,
xa tomei amores novos.

Desde aquí vexo, vexo,
vexo as areas do mar ...
tamén vexo os meus amores
e non lle podo falar.

O amor da costureira
era papel e mollouse ...
agora costureiriña
o teu amor acabouse.

Eu cantar, cantaba ben,
a gracia non era moita,
quedoume no lavadoiro
cando fun lavar a roupa.

Costureiriña bonita,
lévame os bois a bebere,
pola nai que che pariu,
volverasmos a traere.

Costureiriña bonita,
dame unha agulla de prata
para quitar unha espiña
do corazón que me mata.

Aí vén o aire do mar,
aí vén o aire mareiro ;
aí vén o meu queridiño
vestido de mariñeiro.

O meu amor xa me dixo
que nunca me olvidaría.
Eu tamén lle din palabra
para toda a miña vida.

O arrieiro das nenas
vén de tres en tres semanas :
se naquel tempo non lles vén,
xa lle din que están preñadas.

A muller do Tío Laranxo
amais outra galdrapeira
meteron ó teu laranxo
debaixo da laranxeira.

Moito viva, moito viva
San Paio de Vilacoba,
moito viva, moito viva
na súa capela nova.

[Recompilación de Luis Antonio Giadás Álvarez, de Ponteceso (A Coruña), na bisbarra de Bergantiños, remitida en xuño de 2009]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: