Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

As dúas virxes de Eirita

Este conxunto de grande interese para o coñecemento e interpretación da nosa cultura e relixiosidade popular está na parroquia de Anos, no concello de Cabana de Bergantiños (A Coruña) e componse de capela, chamada da Eirita ou do Espiño un cruceiro, a chamada Fonte Santa e a Pena da Santa coas Pegadas de Nosa Señora.
No interior da capela están as dúas imaxes, a da Virxe da Eirita, a padroeira (século XV), e a da Virxe do Espiño, a máis venerada (aséculo XVIII).
Todos estes elementos están situados na aba oeste do Monte da Pena, cumio coroada coa Pena da Santa. A capela é obra, polo menos a fachada, do século XVI; o resto do edificio semella ser unha construción posterior. A romaxe da Virxe da Eirita celébrase o 22 de setembro. O cruceiro dátase no ano 1675.

Aparición da imaxe da Virxe do Espiño
Segundo testemuño recollido pola alumna Ana Fariña e publicado por Luís Giadás Un veciño de Iñaño dicía que vía a Virxe sobre un espiño que había no borde noroeste da Pena, xusto debaixo de onde están as Pegadas da Nosa Señora, e, aínda que estivera con máis xente, só se lle aprtecía a el.

Rituais
Cada 22 de setembro as imaxes da Virxe da Eirita e a da Virxe do Espiño son conducidas en procesión arredor do adro ou “eirita”. A Virxe do Espiño, de maior fervor, cura vultos e verrugas e remedia as pestes dos cereais.
Tamén é de resaltar este ritual que describe X. Luis Otero Cebral:

Unha vez o ano xuntábanse no adro da Eirita sete parroquias de Cabana de Bergantiños. Por iso había os ocos para poñer as sete cruces das parroquias representadas. Todo isto apunta a que isto sexa ou teña orixe a partir dalgunha misión alí celebrada

Fonte Santa
Segundo inscrición que figura na propia fonte: ANO 1984. MANDADA CONSTRUÍR POR JOSEFA FONDO VIDAL DE IÑAÑO EN HONOR A LA VIRGEN DEL ESPIÑO Y NUESTRA SEÑORA DE LA EIRITA.
A auga desta fonte, que xa existía, evidentemente, antes de 1984, é considerada útil para varios remedios, entre eles, curar vultos, verrugas e pragas dos cereais:
Os romeiros bótanlle cartos para gañar os favores da Virxe. Para curar as verrugas hai que lavalas na fonte e levarlle unha prenda que, unha vez pasada pola doenza, se deixa alí na campiña. Pola noite de San Xoán, a fonte tórnase enmeigada, xa que sae o demo envolto en lavas desde as mesmas entrañas do inferno. Por San Valentín as augas trocan de cor, pero só durante un instantiño.

Seican se ven as augas de cor rosa o día de san Valentín. E na mesma fonte prácticase outro ritual para pedir auga cando a sequía apreta:
Os veciños do lugar, cando desexan auga para as súas colleitas, levan a Virxe da Eirita á súa fonte e alí lávanlle os pés e a cara
.
En cambio, segundo nos informa o mesmo X. Luis Otero Cebral, cando queren sol, conducen a imaxe da Virxe ata a Pena da Santa ou da Eirita, que está no cumio do monte:
…se o que queren é sol, lévana á Pena da Eirita.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: