Actualizado en data 19/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

San Fins do Castro

San Fins do Castro
Cesullas, Cabana de Bergantiños (A Coruña)

©(Texto e fotografías) Sandra Alvarellos Varela
____________________
Temos a gran sorte de vivir nunha terra rica, rica en cultura, historia, lendas, tradicións, festas, romarías... Unha terra máxica e enfeitizada. Un feitizo que envolve e fai quedar prendado dela a todo aquel que a coñece. Eu vivo en San Fins do Castro, un lugar moi pequeniño, no que non hai máis ca seis casas, das cales unha atópase deshabitada. Pero este lugar, a pesar de ser tan pequeno, é moi grande e con moito encanto.

San Fins ten historia....
En San Fins, antigamente asentábase un poboado castrexo do cal nestes intres apenas quedan restos, xa que se foi derruíndo. Nel atopáronse unha gran cantidade de cunchas de berberechos, posiblemente o alimento por excelencia dos habitantes do poboado debido á proximidade coa enseada da Insua.

San Fins ten lenda....
Unha lenda que dá orixe á orientación da actual capela que se asenta no biduído de San Fins. Contan que no castro anteriormente citado existía unha pequena capela. Un día, un rapaz que se atopaba alí rezando foi sorprendido por unha forte treboada, que nun intre asolagou a capela. O rapaz para salvarse gabeou ata o campanario e unha vez alí fixo unha promesa. Prometeulle a San Fins que se conseguía saír de alí con vida construiría unha nova capela coa entrada cara á saída do sol. Logrou salvarse e cumpriu coa súa promesa. De feito a orientación da capela de San Fins cara á saída do sol é atípica neste tipo de construcións e faina única en toda a bisbarra.

E o noso San Fins, por suposto, tamén ten romaría...
Era a romaría de San Fins unha máis das que se celebraban na bisbarra ata que no ano 1931 chega á parroquia cabanesa de Cesullas o párroco Saturnino Cuíñas Lois. E non vén de paso, senón para quedarse e cumprir co seu oficio. Din os que o coñeceron que era un home de gran carácter, pero ademais do seu labor como sacerdote, a don Saturnino gustáballe a música. Non só lle gustaba, senón que tamén a practicaba: tocaba a gaita, a pandeireta, o bombo, o harmonio, a zanfona e mesmo compoñía versos. Supoño que este afán festeiro fixo que del saíra unha das festas máis coñecidas, concorridas e importantes da comarca.

El instaurou a romaría de San Fins e dotouna de sona e dunhas particulares e únicas tradicións. O Berro Seco, o Santo de Pólvora, as tradicionais merendas, nas que non faltaba a súa, sempre rodeado de multitude de amigos, veciños e compañeiros de profesión. A mesa de don Saturnino era a máis numerosa do recinto.

Todo isto unido a que se celebra nun fermoso enclave natural no que se atopa a singular capela, a milagreira fonte das verrugas e, como non, o santo San Fins do Castro que tantos devotos atrae, fixeron da festa de San Fins unha das grandes de Galicia.

Xa hai 33 anos que don Saturnino non está entre nós, pero o seu espírito festeiro permanece vivo en San Fins. Cada un de agosto achéganse ó recinto milleiros de romeiros, beben auga coas culleres que penduran da fonte e lavan as verrugas antes da saída do sol, mollan o pano e póñeno a secar nos arredores, xa que a medida que o pano vai secando tamén van secando as verrugas dos devotos.

Logo dos actos relixiosos e da procesión darredor do biduído, soa o Himno de San Fins do Castro, escrito por don Saturnino e que di así:

Meu Santo San Fins do Castro,
¿que lle dás aos teus romeiros?
Auga da túa fontiña,
sombra dos teus bidueiros.

Meu santo San Fins do Castro,
ten as culleres na fonte
para beber os romeiros
que veñen verte de lonxe.

Meu santo San Fins do Castro,
avogoso das verrugas;
lávanse na túa fonte
e quédanse sen ningunha.

Romaría de San Fins,
dendes da Cruña a Fisterra,
pasando por Bergantiños
non hai romaxe coma ela.

De seguido soa con forza o Berro Seco. Os romeiros cóllense das mans e guiados polo cura, abáixanse e érguense tres veces emitindo un forte e seco berro. Un berro que emitido ó unísono fai retumbar o recinto e é sen dúbida o momento máis emotivo da romaría, xa que representa un símbolo de unión e forza do pobo.

A traca final pona o Santo de Pólvora. A figura dun home e dunha muller vestidos co traxe tradicional galego e representando os oficios da zona (afiador, ferreiro...) comeza a dar voltas. Cada vez vai máis rápido ata que acaba por estoupar e deixa ó descuberto o esqueleto duns personaxes que había un intre fixeran sorrir a todos os asistentes, xa que mentres o home traballaba a muller ía dándolle coa vasoira.

Toca a quenda agora de estirar os manteis, xa que chegou a hora das tradicionais merendas. Merendas que xunto cos gaiteiros esperarán a noite no fermoso biduído de San Fins.

Esta é a romaxe de San Fins: unha romaría que ten unhas raíces moi profundas e cravadas nos corazóns dos veciños de San Fins, de Cesullas, de Cabana de Bergantiños e doutros moitos lugares, xa que ¿quen non coñece a tradicional romaría galega de San Fins do Castro?

Para todos os que non coñezan esta romaxe, aquí quedan as miñas verbas, o meu graíño de area, porque non se deben deixar atrás nin esquecer as verdadeiras raíces das que xurdimos, nos fixeron medrar e nos fixeron grandes, como persoas e como pobo, do cal nos temos que sentir orgullosos e defender sempre.

Fagamos da lingua o eixe da comunicación e sexamos pregoeiros de tradicións, para que os nosos sinais de identidade nunca morran e as xeracións vindeiras teñan unha razón de ser, saiban quen son, de onde proceden e coñezan as tradicións, lendas, cantigas e demais trazos culturais que fan especial, máxica e encantadora a nosa terra.

Eu son de San Fins do Castro.

__________
Nota: Este texto foi lido pola autora no Auditorio Municipal de Cabana de Bergantiños o 19 de agosto de 2011, con motivo da celebración dunha Polafía organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o concello de Cabana de Bergantiños, e coa coordinación de Xosé Manuel Varela.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: