Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

A lenda da capela de San Cidre

Esta lenda está ambientada na capela de San Cidre, na  parroquia de San Paio de Paradela, no Concello de Toques (A Coruña). A capela sitúase no alto do Couto de San Cidre, nas proximidades da aldea do mesmo nome. No alto do monte érguese unha capela de nova construción, dedicada a ese santo labrego, mais a 35 metros ó leste vense as ruínas da vella capela, edificada sobre unha mámoa prehistórica. Do vello templo só se conservan os seus alicerces, e un cruceiro asentado sobre o muro oriental das ruínas.

Esta lenda xa foi recollida por Vicente Risco e Amador Rodríguez, no Terra de Melide (ano 1933), que reproducimos de xeito literal:

“nun cotiño que hai no monte de Paradela, preto do castro da mesma aldeia, apareceu un día San Cidre. Levárono pra eirexa de Paradela, mais o Santo parce que lle pracía máis a lús do sol que a das velas de cera, e o arrecendo das carpazas e das marelas froliñas dos toxos, mais que a coor pasaxeira das froles artificiás, e fuxiu pra peana rústica que a montana lle presentara.

Volvérono levar pra eirexa, mais il tornou outra vez pro coto. De novo o levaron por terceira vez pra eirexa, mais il por terceira vez fuxiu da eirexa, e faríao sempre, senón que os veciños da freiguesía deron en levar á procesión, no día do Santo ó coto onde parecera.

Dende entón non volveu fuxir da eirexa, nen ir ó coto senón en andias”.

Dende moi antigo, posiblemente dende o século XVIII celébrase a procesión o día 15 de maio, festividade de San Cidre. Hai testemuñas de veciños de San Cidre e de Souto que falan desta procesión nos seguintes termos, recollidos por Xosé Manuel Broz:

“... sae da igrexa de Paradela sobre as nove da mañá e por Buxán, vai a San Xiao, e de alí polo camiño do monte vai á Capela de San Cidre. Agora como se fixo unha capela nova, celébrase misa, e despois regresa a Paradela, portando a imaxe de San Cidre en andas...

.... descantada de Deus que se fai a procesión... eu acórdoa desde sempre e sempre teño oído falar dela...

... xa en tempos dos meus avós, xa se facía... e faise todos os anos... e van, según estea o día, máis de 50 persoas...”

Compre indicar que a distancia que separa a igrexa de Paradela e a capela de San Cidre é de case 5 km costa arriba, salvando un grande desnivel. Trátase non do itinerario máis curto pero si do de menor pendente, a pesar de que é igualmente pronunciada, posto  que a igrexa de Paradela atópase en pleno val do río Furelos, e a capela de San Cidre nun cume dun monte da serra do Careón.

NOTA

Recentemente estivemos falando desta lenda e da tradición da procesión, dende a igrexa de Paradela ata a capela de San Cidre, con Mª Teresa Rodríguez Romero (mestra da escola unitaria de Paradela entre 1967 e 1985). Falounos da tradición e do itinerario da procesión, saíndo da igrexa parroquial de Paradela, pasando polas aldeas de Buxán, A Tillería e San Xulián; e o seu retorno pola aldea de San Cidre, pasando ó carón do castro de Paradela, e polo medio da aldea de Paradela ata a igrexa. Comentounos a grande participación que tiña esta procesión, que aínda se celebra na actualidade.

[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Marzo de 2015]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: