Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A muller do veo gris

As nosas informantes non se puxeron de acordo onde sucedra a historia, unha que na Alence (As Nogais), a outra que en Lamas de Biduedo (Triacastela). Pero iso é algo que carece de importancia, unha e outra parroquia, aínda que situadas en distintos concellos, atópanse case a tiro de pedra, e ata ben pasada a segunda metade do pasado século as relacións entre a veciñanza de ambas as dúas aldeas era, pódese dicir, diaria. No que si concordaron as dúas mulleres foi no desenvolvemento dun estrano suceso ocorrido hai máis de cen anos. Polos datos que non achegaron, debeu de acontecer a principios do século XX, dez ou quince anos antes do nacemento dos seus pais. Daquelas, as vías de comunicación que enlazaban a cabeceira da parroquia co resto das aldeas convertíanse, cando chegaba o inverno, en intransitables camiños, ben fose porque unhas veces os cubrían a neve ou porque cando chovía inzábanse de lama. Debido a unha grave doenza, o párroco tivo que ser trasladado para Lugo. Como o inverno xa chegara, os veciños sabían, como pasaba sempre, que o Bispado non ía mandar ningún substituto, só enviarían un cura en caso de forza maior, un enterro, por exemplo. E iso se a nevarada o permitía, non era a primeira vez que o defunto tiña que estar de corpo presente máis dos tres días de rigor. Por iso quedaron pampos cando un día de forte zarracina e mesta nevarada, que nin os lobos se atrevían a saír dos seus cubiles, chegou ao pobo un novo cura. Viña montado nun cabalo, e canda el traía unha maleta. Os veciños axiña se prestaron para acomodar o cabalo na corte e axudar ao crego a instalarse na reitoral. Era un home alto, pelo negro e aspecto agradable, a impecable sotana nada se parecía á raída que vestía o vello párroco. A xente nada lle preguntou, todo o mundo daba por suposto que viña de parte do Bispado. O nome díxollo el: Benito. Á atardecida de todos os días da semana, don Benito rezaba o rosario e dicía misa na igrexa. Mais non só iso, dende o primeiro momento ofreceuse a recoller e levar o correo (supoñemos que en Triacastela ou nas Nogais) todos os sábados. A súa amabilidade chegaba a tal punto que incluso escribía as cartas que lle ditaban, e sempre estaba disposto axudar a quen o precisara. Pero iso non foi todo. A monotonía da aldea viuse alterada de novo o domingo. Pouco antes da misa da mañá, diante da igrexa parou unha carruaxe cuberta tirada por dous cabalos. O condutor, ben abrigado do frío, baixou do pescante e abriu a porta. Do coche descendeu unha muller elegantemente vestida, a súa cara era tan branca que case non se distinguía da cor da neve. A cabeza estaba cuberta cun veo gris de encaixe, prenda, concluíron os presentes, que denunciaba a condición social da visitante, o veo contrastaba cos fortes panos negros anoados ao queixo das demais mulleres. Durante a misa, a descoñecida permaneceu de pé xunto a penumbrosa entrada, detrás de onde sentaban os homes (as mulleres sentaban nos bancos dianteiros). Rematados os actos relixiosos, montou no carruaxe e partiu. Ninguén lle atopou explicación. Primeiro pola ousadía de arriscarse a vir á misa con semellante tempo, e segundo que era o que lle atraía daquel lugar. Durante as tres semanas seguintes, don Benito continuou coa súa rutina, e a elegante muller tocada co veo gris de encaixe asistindo en silencio á misa dominical. O cuarto domingo, os veciños e as veciñas quedaron sorprendidos cando á entrada da igrexa os recibiu o vello párroco. Despois de interesarse pola súa saúde, preguntáronlle polo cura que o substituíra durante a súa ausencia. O párroco, confundido, aseguroulles que o Bispado non enviara a ninguén, estranáballe que non o informaran, pero de todas formas xa preguntaría. Ese domingo tampouco apareceu a elegante muller, de seguro, teimaron, que se fartou de troupelear por aqueles camiños deixados da man de Deus. Mais todo mudou cando o cura, antes de comezar a misa, lle preguntou aos asistentes, con voz grave, que era aquilo que había por riba do altar. Unha persoa tras outra foise achegando ata o altar e o que viron deixounos de pedra. Cando as nosas informantes chegaron a aquel punto, durante uns segundos esperamos, ansiosos, a solución do emocionante, e de seguro ultraterreal desenlace. A resposta no tardou en chegar: debaixo dun veo gris de encaixe había vinte billetes de cincoenta pesetas. Mil pesetas!

[Texto de Xabier Moure Salgado. Marzo de 2016]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: