Actualizado en data 19/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Alén, Máis Alá

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Lorenzo Huerta. Un verdugo de lenda no Mondoñedo do s. XIX

Lorenzo Huerta, o verdugo que aplicou a pena de morte aos reos condenados por dous grandes crimes ocorridos na comarca mindoniense no século XIX, é agora o espectro protagonista dunha curiosa lenda urbana na cidade de Granada.

_________

Lorenzo Huerta foi un dos verdugos máis célebres, recoñecido como mestre por algúns dos xusticeiros máis destacados de finais do XIX  e  principios do XX. Exerceu a súa arte en diferentes puntos da península, entre eles Mondoñedo, sendo titular das audiencias de Burgos e Valladolid e, segundo algúns estudosos, tamén das de Granada e Sevilla. Nunca esquecía levar canda si un caneco con augardente para darse ánimos mentres exercía o seu tétrico traballo.

En atención aos seus notables méritos foi coñecido como “Mestre Lorenzo” e “Cortacabezas”.  En 1890 contaba 61 anos de idade, levaba 27 no oficio e sumaba xa 89 execucións. Discípulos seus foron Nicomedes Méndez e Gregorio Mayoral, o verdugo que exerceu o oficio en España durante máis tempo, nada menos que entre 1892 e 1928.

Suponse que naceu nalgún lugar de Asturias arredor do ano 1829 pero non consta cando nin onde morreu. Se é que morreu de todo,  polo que máis adiante contaremos.

Sobre a pena de morte e o garrote vil

A pena de morte a garrote estivo vixente en España, e en diferentes períodos nas colonias americanas, desde 1820 ata 1995, aínda que a Constitución de 1978 deixouna practicamente abolida. A máquina coñecida como garrote é un artefacto sinxelo de madeira cun colar de ferro que ao ser atravesado por un parafuso causa a morte do reo, as máis das veces lentamente e con moito sufrimento. O invento é dos tempos de Roma e chamábase iaqueus. O rei Fernando VII prohibiu en 1832 aplicar e pena de morte na forca e obrigou a facelo no garrote, considerándoo un “beneficio” que decidiu outorgar con ocasión do aniversario da raíña, a súa moi amada esposa. O anarquista catalán Salvador Puig Antich e o delincuente alemán Georg Michael Welzel, executados nun garrote en 1974 en Barcelona e Tarragona respectivamente, foron os últimos axustizados en tan cruel tormento. A denominación “garrote vil” vennos da Idade Media, de cando se tiña a deferencia de executar aos nobres por decapitación, e aos vilegos cun garrote, ou sexa, cun pau co que se propinaba un garrotazo;  e este é o precedente que dá nome a este invento do que falamos e que causa a morte por estrangulamento.

Un verdugo simpático e perfeccionista

Lorenzo Huerta era baixo de estatura, de ollos pequenos pero moi vivos e azuis, de carácter simpático e moi relixioso. Noutras descricións que del se fan dise que é un tipo de aspecto rudo e vulgar pero riseiro, amable e educado, sen chegar a inspirar repugnancia. O nariz afiado, máis gordo ca delgado, con pouco e abrancazado cabelo. Era casado, non sabía ler nin escribir, e tampouco falaba castelán. Sendo de orixe asturiana e contando no seu repertorio léxico con palabras como “audencia”, “upa” e “precuraré” non podemos descartar que nacese nalgunha comarca asturiana galegofalante. O seu tema de conversa preferido era o seu propio oficio, e seica presumía  de que moitos dos instrumentos que usaba eran produto do seu enxeño.

Crese que a primeira execución que realizou foi en Tortosa onde pasou a garrote a  un tal Tomás Sierra. Entre os condenados de sona que eliminou están Juan Díaz de Garayo, o “Sacamanteigas” alavés executado en 1881, condenado por violar e matar a media ducia de mulleres entre os anos 1870 e 1879. Pío Baroja, en “La familia de Errotabo”, atribúelle erroneamente esta execución ao seu discípulo  Mayoral, sen saber que Huerta estreou na ocasión un garrote da súa invención.

Segundo algunhas referencia, o 14 de xuño de 1884 estaba en Jérez de la Frontera participando con outros verdugos na execución de sete membros dunha suposta trama anarquista secreta, moi violenta, que actuara por Andalucía entre 1880 e 1882 baixo a denominación de “La Mano Negra”.

Tamén entregou a vida no seu garrote (ou na forca, non está clara esta circunstancia) Toribio Eguía en 1885, en Pamplona, autor confeso da morte dun crego e da súa ama, en Atondo, Navarra. Pío Baroja foi testemuña desta execución e anos despois lembraba como o verdugo, que ía a pé e braceando detrás do carro onde levaban o reo ao patíbulo, vestido como un campesiño, pantalón curto, chaqueta curta e sombreiro ancho. O que máis sorprendeu ao mozo Pío, tería entón 12 ou 13 anos, foi a tranquilidade coa que o verdugo lle explicaba ao público algúns detalles da faena.

En Valladolid, en 1891, executou os dous amantes de Erbeda condenados por mataren ao marido dela, historia que aproveitou Emilia Pardo Bazán para escribir a novela “La piedra angular”. Nesta execución parece que Huerta ao aplicar garrote ao reo tardou máis do habitual e foi recriminado polas 8.000 persoas que presenciaban o acto.

Aínda que os datos son contraditorios, o xornal salmantino “El Fomento”  atribúelle a execución, sen precisar máis, de sete reos dunha sentada.

Huerta en Mondoñedo en 1890

Desde o 12 de novembro de 1849, data na que aplicara a pena de morte en Mondoñedo a Felipe Iravedra, condenado pola morte do seu pai Rosendo (hai algunha vaga referencia a que puido haber outra execución en 1850 contra o autor da morte do crego de Aldurfe, de Riotorto), non presenciara Mondoñedo tan macabro espectáculo.

Corenta anos despois, en marzo de 1890, Lorenzo Huerta viaxa por primeira vez a Mondoñedo. En principio, os reos a executar eran seis, cómplices pola morte do párroco de Santa Cruz do Valadouro e de tres dos seus criados, acontecida o 20 de novembro de 1888.

Era moito traballo para un só verdugo polo que se citou a José Mayer, outro colega procedente da Coruña. Mentres se facían os preparativos para a execución, os reos agardaban a contestación definitiva a unha súplica de indulto trasladada ao rei e á rexente.

Os reos chamábanse Ramón Seivane Gavisa, Manuel Logilde Castrillón, José Fernández Alonso, José Lindín Rigueiro, Ramón Seco García e José Gavín Brañas. Todos eran naturais do concello da Pastoriza e deles o de maior idade era Logilde, pai de sete fillos con tan só 30 anos. Ademais, no momento de cometeren os crimes, era concelleiro no seu concello natal.

O 25 de marzo, o verdugo Huerta xa estaba en Mondoñedo aínda que o seu colega procedente da Coruña non debeu chegar ata o 26. Algúns mindonienses confundiron ao xornalista Adán Berned, un enviado especial do xornal madrileño  “La Correspondencia de España”, co verdugo coruñés.

 O día 28 de marzo, mentres Huerta tomaba medidas para fabricar os “banquillos”, Logilde díxolle: “Non me poña preto o corbatín: teño anxinas e pode facerme dano”. Este mesmo día, cando os verdugos se retiran despois de erguer un cadafalso de un metro de altura e seis paus en liña mirando ao sur, a xente insultábaos e tiráballes “tronchos” e inmundicias.

Chove torrencialmente en Mondoñedo. O verdugo chegado da Coruña síntese indisposto pero Huerta non ten reparo en  apandar el só coa execución dos seis reos. Sen embargo, xa circulan rumores de que cinco dos condenados poden ser indultados. Nada oficial naquela hora.

A partir das tres da madrugada do día 29, a xente (viñan do Valadouro e da Pastoriza sobre todo) amoreábase polos arredores do cárcere e do cadafalso situado no Campo da Feira dos Remedios. Os que teñen casa con ventás con boas vistas, alúganas a bo prezo. Ás cinco e oito minutos, por fin, chega un telegrama que comunica o indulto pero só para cinco dos reos.

Na listaxe dos que se libran do garrote non está Manuel Logilde  que será, por tanto, executado ás oito horas e cinco minutos daquel sábado, 29 de marzo de 1890. Doce mil almas presenciaron o horroroso espectáculo, traballo polo que os verdugos presentaron unha factura de 700 pesetas.

Huerta volve a Mondoñedo en febreiro 1893

Logo duns días de retraso por mor de non contar coa forza pública necesaria, o 21 de febreiro de 1893 Lorenzo Huerta volve a axustizar en Mondoñedo. Desta volta os reos chámanse Manuel Rivas, un mozo alto e delgado, de 23 ou 24 anos, e Manuela Vidal, unha muller de 39 ou 40 anos,  boa e brava moza, astuta e intelixente, atopados ambos culpables en diferente grao de dar morte ao marido dela, de nome Juan Paz. O matrimonio emigrara a Sudamérica, probablemente a Uruguai, pero regresaran, Manuela primeiro e o marido despois.

Vítima e asasinos, ao parecer amantes, eran naturais e veciños de Sasdónigas, parroquia mindoniense lindeira coa de Galgao do concello de Abadín. A principal testemuña do crime foi unha filla de Manuela e Juan que compartía cuarto cos pais a fatídica noite do 21 de outubro de 1891. A nena, tería entón uns oito anos, facéndose a durmida evitou que Manuel Rivas, o brazo criminal, a matase canda o seu pai.

A solicitude de indulto foilles denegada. O cadafalso situouse no mesmo lugar que en 1890. O día da execución tamén chovía arreo e o vento bruaba endemoñado; quizais por iso só asistiron á función unhas dúas mil persoas. Auxiliou ao verdugo Huerta un espontáneo, un tipo de Valladolid que casualmente andaba por Mondoñedo vendendo coplas e novelas do “género fuerte”. Ás 8 horas e seis minutos xa eran cadáveres os dous condenados.

Alguén reparou en que Manuel Rivas asistira á execución de Logilde o 29 de marzo de 1890 subido a unha árbore que nesta ocasión ninguén ousou ocupar. O custo da execución foi neste caso de 576,12 pesetas, minuta da que o Estado aportaría tan só o un por cento.

O espectro dun verdugo en Granada

Tivo que pasar case un século para termos novas de Lorenzo Huerta. Apareceuse en Granada en 1988, e desde entón deixase ver de cando en cando polos corredores e salóns da antiga Real Chancelería (actual Pazo de Xustiza) daquela cidade.

Quen contemplou a visión nun atardecer da primavera de 1988 foi unha señora da limpeza que describiu os movementos dun corpo en levitación, co rostro lívido e as concas dos ollos baleiras, vestido con capa española e cuberto con sombreiro de ala ancha, ambas prendas de cor negra e de uso frecuente entre algúns verdugos españois do ss. XIX e XX.

Aquel día, a visión desapareceu pola porta do mesmo cuarto onde gardaban as ferramentas os verdugos de antano. Neste mesmo edificio, ademais, aínda se conserva como peza de museo un garrote que se usou alí desde mediados do s. XIX  ata mediados do XX para quitar a vida aos reos condenados a morte.

Non é preciso acreditar cegamente nestas fantasías pero  convén lembrar que só houbo dous ou tres verdugos en Granada que vestiran desa guisa. Un foi o último que exerceu na cidade, Bernardo Sánchez Bascuñana, desde 1949 a 1972, e o outro  foi o noso protagonista, Lorenzo Huerta.

Tamén hai quen cre que o fantasma pode pertencer a Lorenzo González Álvarez, un baionés que exerceu alí o oficio de verdugo na última década do s. XIX. Foi cesado no cargo en xaneiro de 1900 por falta de aptitude física. Claro que este individuo, tendo en conta que pillou do premio “gordo” co que foi favorecida a cidade de Granada no sorteo da lotería celebrado o 10 de outubro de 1900, tampouco tería necesidade de reaparecer desta maneira.

Sexa como for, o número premiado naquel entón foi o 3.125 e o importe total do premio 240.000 pesetas.

© Antonio Reigosa

Publicado orixinalmente en El Progreso (22 de decembro de 2014)

(PDF) Lorenzo Huerta. Un verdugo de lenda no Mondoñedo do s. XIX


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: