Actualizado en data 19/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Demo e o seu mundo

O demo nos Ancares

De todos é sabido que o demo adoita presentarse baixo distintas morfoloxías animais para así poder levar a cabo as súas argucias. Disque no paraíso terreal fixérao en forma de serpe, mais na mitoloxía universal pode presentársenos tamén como sapo, píntega, castrón, ave rapaz, can, dragón, monstro mariño, ser humano (sobre todo en forma de fermosa moza), alacrán, lobo, burro… Contra os seus maleficios o pobo sempre botou man de certos conxuros e rituais, así como de amuletos: o allo, a cebola, o loureiro, a oliveira… Úsanse co mesmo fin as figas, os evanxeos, crucifixos e outros avíos de carácter relixioso, algunhas pedras, os cornos da vacaloura, ósos humanos, castañas de Indias…
Agardo que esta pequena introdución sexa útil para analizar a historia que vou narrar a continuación. O feito tivo lugar nas montañas dos Ancares entre finais do século XIX e comezos do XX, nunha fría noite de nevada. Celestino Rodríguez, veciño de Suarbol (no concello de Candín), e persoa moi coñecida en toda a bisbarra, andaba a tomar uns vasos polas tabernas de Donís (cabeceira da parroquia na que está integrado un dos máis coñecidos lugares dos Ancares lugueses: O Piornedo). Cando se decatou de que xa era moi tarde e que xa levaba algún viño de máis decidiu regresar para a súa casa. Nada máis saír da tasca topou un burro ceibo, como perdido, que axiña identificou como o dun veciño da súa aldea. A cousa non podía saír mellor, pois así, de paso que lle levaba a besta ao seu dono, podía dispor de montura para viaxar máis descansadamente.
Mais Celestino, a pesar de ser amigo da esmorga, era un home de moita fe relixiosa. E por iso antes de saír colocou arredor do pescozo do asno un rosario que sempre levaba enriba. Ao chegar a Suarbol e pasando por onde a casa do suposto dono do burro, baixouse do lombo deste e retiroulle o rosario. Ao momento o animal falou con certa xenreira e díxolle:
-De boa te libraches, pois se non fora por me teres posto o rosario a esta hora estabas guindado na Freixoeira dos Olmos!
Compre aclarar ao lector que a Freixoeira dos Olmos é un perigoso barranco moi temido na zona, pois alí se teñen matado algunhas persoas. Aclarar tamén que o asno non era tal, senón o propio demo que tomou esa forma para intentar levar a cabo o seu sinistro propósito.

O meu agradecemento ao meu informante, Félix de Suarbol, descendente de Celestino Rodríguez. Félix aseguroume que os feitos foran totalmente reais, pois deste xeito se contan na súa familia, tal como foran narrados polo protagonista.

[Texto de Marcos Seixo Pastor, de Cuntis (Pontevedra). Outubro de 2009]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: