Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O cabalo branco do Demo

Cando eu era un cativo contaba miña nai que estaban na Ponte Liñares dous homes de Faramiñás, un lugariño da parroquia de San Martiño, en Porqueira (Ourense). Foran á feira que por alí se celebraba un día de moita chuvia e invernía. Tanto chovera que o río Limia medrara moitísimo e chegara a cubrir a Ponte Romana que lle daba nome ó lugar. Fíxoselles noite e os dous homes no atopaban un sitio por onde poder cruzar. Empezaron a andar río arriba para ver de achar un lugar para poder atravesar a corrente sen perigo. Andaron e andaron e non certaban dun sitio por onde poder pasar á outra beira. Un deles empezou a cagarse en todo canto había. Seica era un home de por si moi mal falado, aínda que boa persoa e moi crente. De súpeto, e cando con máis carraxe estaba a berrar e maldicir, un alustre alumou o campo todo. Foi entón cando viron un fermosísimo cabalo branco, tan branco coma o leite, ben alimentado e cunhas longas e suaves crinas como fíos de prata, que camiñaba cara a eles. Detivéronse abraiados ante tan portentoso animal, que non amosaba sinal ningún de lles ter medo. O home malfalado achegoulle a man ó fociño, acariñoullo e percorréndolle o pescozo, agarrou con forza as crinas e dun chimpo subiuse ó lombo do animal que ficou parado sen rebelarse contra da súa ousadía. Así que se viu enriba do cabalo, o home malfalado agarrou ó seu compañeiro e axudouno a subir tamén. Seguía a chover con forza, unha chuvia fría coma a neve. Estaban completamente enchoupados e tremendo seguido. Afalaron ó animal para que empezara a galopar na busca dun lugar polo que cruzar o Limia. O home que ía diante, agarraba con forza as longas crinas do animal e para encirralo empezou, outra vez, a berrar maldicións e, como dicía miña nai, pecadazos que facían abrir o ceo. Canto máis grave era a blasfemia o cabalo máis e máis corría: Veña cabalo, me cago en...!, e o animal aceleraba aínda máis o paso. Nisto andaban cando o cabalo, sen el llo mandar, empezou a cruzar o río. Corre besta do carallo, cruza o río me cago na...! A velocidade era tan grande que a chuvia mancábaos na face como se foran agullas de xeo. O que ía detrás, aferrado á cintura do compañeiro, presentiu que aquelo non era cousa natural, e que aquel animal, aparecido tan oportunamente, non era cousa deste mundo. Lembrou que no bolsón de atrás do pantalón levaba un rosario. Con dificultade para seguir mantendo o equilibrio, botou man del mentres marmuraba un " Virxe María Santísima". Nese mesmo intre, o cabalo desapereceu e eles quedaron sentados sobre o duro leito de croios do río, xa case na outra beira. Non daban creto ó que lles pasara, tremían coma vimbios co frío que lles aterecía o corpo e co medo que aquel endiañado cabalo lles puxera. Era o cabalo do demo.

Nota do remitente:
Teño buscado esta lenda nos diferentes tratados que sobre este tema se escribiron e nunca atopei ningunha parecida. Teño 43 anos e miña nai e miña avoa contábana cando eu era un cativo de 5 ou 6 anos.
Nota do editor:
A Ponte Liñares desapareceu por causa dunha enchente na década dos sesenta do séc. XX.

[Texto remitido por Antón Méndez Gándara, residente en Lugo. Marzo de 2008]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Es precioso, fabuloso, magnífico...

Enviado por Roxyflora o 30/04/2013 ás 14:21:02


Na parroquia de Santaballa hay unha semellante, cambian un par de cousiñas. os rapaces viñan de unha festa ou fiaestamos a recopilar as lendas de toda a parroquia un saudo.

Enviado por liga santaballesa o 03/04/2014 ás 8:43:30


Na revista Ardentía podedes ler "Imaxinario do Miño", de Xosé Manuel Vázquez, onde se fala do diaño burleiro e outros mitos dos ríos. Tamén recollidos, penso que con maior amplitude, no libro O legado dos ribeiraos, do mesmo autor. Está xa recollida por Risco, segundo se cita no traballo que comento. En www.barcas.org tedes información básica sobre esta lenda.

Enviado por Paco García o 15/02/2015 ás 13:54:11


Enviar comentario a este artigo: