Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A cacharela e outras lendas de Castrolandín

Os veciños e veciñas de Castrolandín, en Cuntis (Pontevedra), guiados polas indicacións das persoas de máis idade, veñen celebrando ano tras ano, desde o 2002, o rito da cacharela de San Xoán na chan do castro, ao xeito de antano.
Faise no centro da chan, a pesar de que algúns dos máis vellos coidan que se debería facer como antes, na beira, para que se vexa mellor, dado que o acto supón, entre outras cousas, un reto da aldea cara ás veciñas, especialmente a Campo, que se manifesta tanto polas dimensións como pola distancia desde a que pode ser albiscada a fogueira, así como polo número de foguetes que se botan (aínda que o máis importante neste desafío é ser quen de botar o derradeiro, o que require de pillaría e paciencia).
Ademais do seu carácter de cerimonial purificador, o salto da fogueira en Castrolandín é un ritual de fertilidade e, ao tempo, de contacto coa cultura oculta dos mouros que viven baixo os nosos pés. Como proba diso temos o feito obxectivamente certo de que, tal como argumentan con teimosía as xentes do lugar, "por máis que chovera na chan do Castro nunca chegou a empozar a auga", a pesar da súa forma cóncava.
O ritual tamén inclúe a colocación de pólas espetadas con piñas enganchadas con arames todo arredor do perímetro do castro, o que en tempos sería a muralla. A partir das doce da noite, despois de toda unha xeira de traballos preparatorios, de contacto social e degustación de sardiñas e viño, préndese a fogueira e rapaces e rapazas acenden estas piñas con fachos feitos con paos que no estremo teñen trapos de saco impregnados en sebo, feito que produce un espectáculo dunha grande beleza. Ademais hai a tradición de lanzar piñas á cacharela despois de pedir un desexo que, de non revelalo, de seguro que se cumprirá. Constrúese tamén un rudimentario forno, feito con pedras e barro, e nel cócese in situ unha petada de pezas de cerámica como o farían os nosos devanceiros. A recuperación destes rituais partiu da iniciativa da Fundación Terra Termarum no labor de posta en valor das tradicións relacionadas con este castro, que na actualidade está en proceso de escavación. Traballos que xa frutificaron no achado de multitude de valiosas pezas e restos arqueolóxicos de grande interese, ademais do propio engado que supón sacar á luz unha arquitectura castrexa atesourada durante máis de dous milenios.

Hai moitas lendas en torno ao castro. Na aba norte temos unha zona na que se poden extraer grandes lousas de mica. A carón hai unha zona en que a terra aparece con vetas como dunha cor azulada e que pode descubrirse cunha simple sacha, a pesar de que está oculta baixo a vexetación. En tempos había quen especulaba con que podería tratarse dun xacemento de chumbo, aínda que en realidade é unha zona rica en xofre. Historicamente os veciños achacábanlle esta curiosidade á presencia de tesouros no interior.

Por outra parte, xa de moi antigo había quen contaba que neste castro había enterrada unha enorme porta de ouro "mais grande que a porta da igrexa do Baño (nome con que se designa á vila de Cuntis nas aldeas do concello)". Os veciños máis vellos indican que nos tempos dos seus bisavós había xente que tiña albiscado no castro galiñas con pitos coas plumas douradas, moi brillantes, sen dúbida de ouro. Con todo, algúns opinan que podería tratarse de roladas de perdices. Cóntase tamén que o castro estivo habitado polos fenicios e que hai unha entrada secreta que estes usaban para ir buscar auga a unha fonte que podería ter propiedades máxicas.

[Fotografía de Fran Ameixeiras. Texto de Marcos Seixo Pastor, de Cuntis (Pontevedra)]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: