Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O Cu da Raíña de Mugardos e a causa (supoñemos que involuntaria) da chegada dos Borbóns ao trono español

Carlos II de Austria, O Enfeitizado, foi un desastre de rei entre 1665 e 1700. Á parte dalgunhas taras físicas, era escaso de entendedeiras, disque por mor dos múltiples matrimonios consanguíneos que o precederon. Mais o gran problema que causou, mirado desde a óptica do interese sucesorio, foi que non conseguiu ter descendencia.
Primeiro casou con María Luísa de Orleáns, sobriña do rei francés Luís XIV. O matrimonio durou dez anos, ata o falecemento da raíña o 12 de febreiro de 1689.
Urxía un herdeiro e escolleron como esposa a Mariana de Neoburgo, filla de Filipe Guillermo de Baviera, de familia moi prolífica.
O casamento fíxose por poderes en Alemaña e tivo lugar o 28 de agosto de 1689. A continuación preparouse a viaxe da nova raíña desde Alemaña ata a península o que resultou unha aventura. A cousa non era doada. España e Francia andaban en guerra e a travesía desde Baviera tiña os seus riscos.
A viaxe comezou o 3 de novembro de 1689, en principio con dirección a Santander. Mais non foi posible arribar a Santander. A flota que custodiaba a raíña desviouse cara a Coruña a onde estivo a piques de chegar a finais de marzo de 1690!
Pero tampouco chegou á Coruña. Un temporal obrigou á frota á abrigarse na ría de Ferrol ata que mesmo en fronte de Mugardos o barco da raíña encallou. Era o 28 de marzo pero a raíña aínda tivo que agardar para desembarcar ata o 16 de abril.
Despois, con parada en Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Lugo … chegaría a Valladolid, sede da corte española naquel entón, o 3 de maio.
Benito Viccetto é o primeiro que conta a anécdota do desembarco. Na ría de Ferrol, xusto en fronte do castelo da Palma, hai unha rocha que se coñece como “Pena da raíña Mariana” ou “Pena do cu da raíña”, pois, ao parecer, neste lugar a raíña esvarou e pousou o cu. Outras versión din que a raíña se aburría no barco mentres non se ordenaba o desembarco, e non é de estrañar pois pasaron nel case tres semanas, e que só lle deixaban abandonalo para sentar a reflexionar sobor da rocha que dicimos.
O rei Carlos II de Austria morreu o 1 de novembro daquel mesmo ano. Contaba 38 anos. E tras del, por non deixar herdeiro, despois das consabidas intrigas, guerras e pelexas que non son asunto desta nota, chegou ao trono español o francés Felipe V de Borbón, chamado O Animoso, o primeiro da longa nómina dos Borbóns que como reis españois comezaron a andaina o 16 de novembro do ano 1700. E ata hoxe, máis ou menos.
©AReigosa

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: