Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Que sabemos dos tirizós?

Os tirizós son os grans ou furunchos que soen saír na beira dass pálpebras dos ollos a causa dunha infección bacteriana. Poden ser externos ou internos.

Tamén se chama, segundo as diferentes comarcas de Galicia, doutras moitas maneiras: orizó, tricó, toromelo, orzón, urizolo, urizol, urizó, urizo,turuzó, turizó,trouzó, trizó, trixó, tricó, treizó, touzo, torzollo, torobelo, tormelo, torizó, titirizó, tirizón, tirizolo, tirizollo, tirizol, tirizoiro, tiricol, tiricó, terinquiol, tarambollo, rizolo, ozuelo, ourizón,  ourizolo, ourizol,ourizo cacheiro, ourizó,  ourixol, orzuelo, orizolo, orizol, orizó, granillo, erizol, erizó, couzó, coezó, chirizol,  cauzó, arzuelo, arzón, arzolo, arzolín, arxón, arizolo, arizo, arzón …

As causas, segundo o saber tradicional

-Por mexar á beira da estrada (información de Tareixa Campo)

-E. Lence-Santar  conta que unha muller preñada e pobre de Montouto foi pedir a unha casa de Espiñarcao, ambos lugares do concello de Abadín, cando estaban comendo. E como non lle deron nada, de alí a dous días estaban todos con tirizós.

-O mesmo Lence-Santar di que, se lle peta, unha muller preñada bótalle a calquera un tirizó.

Como se curan, segundo o saber tradicional

-Xúntanse  6 ou 7 rapaces co que ten o tirizó. Fan unha casa con pedra e garabullos, e pónselle lume. O que ten o titizó e os demais botan a correr arredor da casiña, berrando: Tiricó, tirico, que arde a casa de malló.  A a un sinal fuxen do lugar para onde estivesen antes. O primeiro que mire para atrás queda co tirizó e libra del o quen o tiña.

Unha variante consiste en facer o mesmo, pero berrando: Tiricó, tóoo, vai para caso de leiró. E en vez de dar voltas arredor, brincan por riba da casiña.

Outra variante: Faise a casa, énchese de leña e prántaselle lume. O enfermo ten que berrar nove veces: Auga, auga, que arde a casa do tío Tirizoilo!

-Se ves a unha muller preñada e vas comendo, ofrécelle do que comes para que non che bote un tirizó.

-Queimar tres pallas, dicindo: Quéimate, tourizó, con tres pallas e un nó. Di V. Risco que a forza do tourizó pasa ás pallas.

Unha variante di que hai que poñer as tres pallas enriba da cinsa, unha delas cun nó, e dicir por tres veces: Quéimate, tourizó, con tres pallas e un nó.

-Xa Hipócrates recomendaba usar viño para as dores dos ollos.

-Aplicando o rabo dun gato negro (descoñécemos a maneira de aplicalo)

-Para combater o ourizó, urizó, toromelo, urizopo, titirizoilo, chorizol, torzollo ... hai varios remedios.
Un deles consiste en, ao tempo que se queiman tres pallas, repetir esta oración varias veces:
—Urizó, urizó, quéimoche a casa con tres pallas e un nó.(Información de Anibal Otero)

-Con carozos das espigas de millo faise unha especie de casiña e préndeselle lume, afúmase ese ollo 7 veces no fume que sae mentres se recita:
-–Acudide veciños que arde a casa dos tirizoliños. 
Hai que repetilo 3 días consecutivos (información de Pili Añón, de Arteixo)

-Lavalos con auga do Fonte  de san Vitorio?

-Nunha bolsa de baeta que nunca se utilizase introdúcese unha pouca graxa, facendo unhas cruces e recitando as palabras: a auga mata o lume, o viño mata a sede. Así como estas cousas son verdade, lume non andes nin escaladres.

-Coller unha palla de centeo que teña un nó e dicir: tirizó, tirizó;  tan grande sea o tirizó como este nó. Logo quéimase a palla no lume.

- Fregando un dedo contra outro (convén lavalos previamente) e cando estea quente aplicalo sobre o tirizó.

- Fregando cun dedo un anel para darlle calor e logo aplicalo ben quente sobre o tirizó.

-Pois frotando moito un dedo contra o interno da man, ata que che arda o dedo, e levalo enton ata o tirizó. Remedio de miña avoa. Eu teñoo feito e deu resultado (información de Yolanda García Cabana)

-Sempre dician na casa que frotando un anel de ouro cun pano e logo poñer o anel no tirizó (Información de Xosé Manuel Irimia Vázquez)

-Pódense curar cunha moeda de prata (información de Alfonso Eiré)

-A min cando era rapaza saíanme a miúdo e nunha ocasión unha veciña díxome: Vouche descontar o tirizó,. E queimou unhas pallas, e dixo unhas palabriñas e desaparecéronme (información de Dolorres Flores Fernández)

-San Urbano, un papa lexendario do s. III, con moita devoción en Alsacia, é invocado para combater os tirizós. Ao parecer, a razón está nun xogo de palabras co seu nome que en francés se pronuncia “Orban” e os tirizós “orbillons”.

-Miña nai dicía que se quitaban frotando cunha chave oca, das dos armarios roupeiros antigos. Había que facelo en xaxún. Teño comprobado que funciona (Mª Jesús Vaamonde Crego)

 

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Na Pobra de Trives había o costume de ao pasar por diante da casa dunha señoara determinada entrábase no potal e berrabase:Doña Justa eí lle queda o torizó" e este curaba.

Enviado por Santiago Paz Blanco o 22/07/2016 ás 0:56:25


Enviar comentario a este artigo: