Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Seres míticos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A Cova do ermitán Juan Manuel

© Texto de Rafa Quintía ( Á Sombra da Bouza Panda).
Enlace ao artigo orixinal: A Cova do ermitán Juan Manuel, Á Sombra da Bouza Panda, 7 de setembro de 2011.
_____
«Galicia está chea de lugares misteriosos, de xeografías míticas, de lugares esquecidos polo paso do tempo á espera de que alguén os redescubra ou os rescate do esquecemento. Un deses lugares é a Cova do ermitán Juan Manuel, mestura de espazo mítico e real.
Segundo contan os vellos das terras de Verín, o Juan Manuel era un ermitán que habitaba nunha covacha da parroquia de Santa María de Ábedes, no lugar de Felgoso.
Esta figura popular —posible lembranza dalgún eremita ou anacoreta— foi reconvertida pola creatividade da xente da zona nunha sorte de asustanenos, de home do saco, de sacauntos…e así dicíaselle ós rapaces desta parroquia que nunca se achegasen pola contorna da cova do temido Juan Manuel, pois corrían o perigo de ser secuestrados por este ser e, quizais, de algo moito peor.
Segundo me contou o amigo Miguel Losada, quen estivo indagando pola zona sobre a antigüidade do conto, parece ser que esta historia remóntase moi lonxe no tempo, pois os vellos do lugar aínda lembran esta lenda na voz das súas avoas e nais facendo referencia ó conto como algo que lles contaban os seus propios maiores cando eles tan só eran uns nenos. Falamos, xa que logo, de máis de seis xeracións das que se teña constancia que lembran a historia do ermitán Juan Manuel.
Non sabemos certamente se o misterioso ermitán existiu de verdade ou non, o que si sabemos é que a súa famosa e temida cova existe realmente. Así que cumpría achegarse ó máxico lugar.
Un camiño a carón dunha vella canteira conduce ó outeiro onde se localiza a toba do misterioso ermitán. O lugar foi largamente alterado pola extracción de area e pola escavación dunha trincheira que afecta o outeiro, polo que hoxe en día o camiño discorre a máis profundidade da que tiña orixinalmente. A unha altura duns catro metros do chan ábrese unha escura boca labrada na xabregosa parede do outeiro. É a cova do ermitán Juan Manuel.
Un primeiro estudo do lugar fai pensar que a cova artificial formaba parte dun complexo maior. Isto podémolo deducir das pías cadradas labradas na rocha que atopamos no alto do outeiro, así como dunhas peculiares estruturas que semellan antigos muros e socalcos e que taménestán feitos nas propias penas que coroan o outeiriño.
A lenda que fai referencia a existencia dun ermitán nun pasado remoto, as estrañas construcións e elementos de posible uso ritual que aparecen no alto do outeiro, o cruceiro labrado na entrada da cova e a mesma cova artificial son indicios que me fan pensar que estamos ante un antigo eremitorio similar ós que se poden atopar nas serras de Burgos, por dicir un exemplo, onde os celas dos eremitas están escavadas na propia montaña. As escavacións que se están levando a cabo na Ribeira Sacra, no Canón do Mao, están revelando interesantes datos arqueolóxicos para coñece-la organización, a estrutura e, en definitiva, a vida destas comunidades cristiás.
Pero o máis salientable deste lugar quizais non sexa a posible existencia dun antigo eremitorio perdido senón a súa pervivencia na memoria colectiva das xentes que habitan estas terras, a pervivencia da súa lembranza na forma dunha lenda que nos fala dun misterioso ermitán convertido en papanenos .
Tras unha primeira visita ó lugar e un intento infrutuoso de acceder á cova, volvemos nunha segunda “expedición” esta vez equipados co material de escalada necesario para salva-la repisa que dá acceso á boca da cova e poder introducirse no seu interior sen risco a esnafrarse por aquela fráxil parede de xabre.
A cova do ermitán Juan Manuel é un pequeno habitáculo que apenas nos deixa estar erguidos no seu interior e que ten unhas medidas duns dous metros de ancho por catro de fondo.
Na parede esquerda da cova e xunto á porta adivíñase unha cruz labrada na rocha e o que parece un “P”.
Desgraciadamente, a exploración do lugar tivo que ser abortada bruscamente tras detectarmos un enxame de abellas rabiosas que ameazaban con botarnos fóra a picadas. Así que, antes de ter que saltar ó abismo nunha frenética fuxida ante o ataque de tan perigosos moradores, decidimos recuar a modiño non se antes despedírmonos do espírito do Juan Manuel, se é que aínda mora nestes lares, pois quen sabe se as abellas foron postas polo propio ermitán para salvagarda-lo seu segredo.
Así que amigos, descoñezo se aínda hoxe en día hai algún vello do lugar que asuste os nenos dicíndolles que non se acheguen á cova do ermitán se non queren ser levados polo Juan Manuel. O que si lles podo asegurar é que posiblemente non sexan vítimas da arrepiante presenza e das malignas intencións do ermitán pero poden estar ben certos de que si sufrirán a furia e a ira das abellas, e estas si que pican de verdade».


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: