Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

nº 12 (2016).- REIGOSA, A.: Mito, rito e memoria do Balneario de Lugo

NOTA: Este artigo forma parte do libro "2000 años del Balneario de Lugo" (Edición de J. Mario Crecente Maseda y Silvia González Soutelo), Crecente asociados, Lugo, 2016, ISBN-13: 978-84-617-5266-9.

Trinta especialistas (climatoloxía, hidroxeoloxía, biodiversidade, historia, arqueoloxía, medicina, etnografía, arquitectura, patrimonio, turismo, termalismo ...) colaboran nesta magna obra, singular e única, de case 700 páxinas. Unha publicación científico-divulgativa que contén, ademais dos textos, fotografías, planos, infografías e documentos de todo tipo nos que se recolle practicamente todo o saber acumulado sobre o Balneario de Lugo desde os seus comezos como Thermae hai xa 2000 anos. (+ info)

***

Mito, rito e memoria do Balneario de Lugo 

© Antonio Reigosa

“Todavía no quiero callar lo que allí considere una tarde de verano. Hay una fuente muy fria y clara bien cerca de los baños, y muchos pajaritos vinieron á beber y tomar el agua, refrescándose en ella. Solas las tórtolas, que vinieron hartas, no bebieron, ni se bañaron aquí, sino en el arroyito que salia de los baños. Que parece naturaleza con particular instinto les ha enseñado, serles aquel agua mas saludable”.

(Morales, 1575)

"Ved pues de Miño el cristalino curso

con que busca la mar, y en su ribera

a Lugo y su muralla, que el concurso

de Roma la labró, y conserva entera;

y en sus calientes baños el recurso

de la humana salud; que aun persevera

el muro argamasado y ricas termas

de que cargaron sus riberas yermas”.

(Balbuena, 1624)

O que pretendemos nesta breve colaboración é rastrexar os usos rituais, culturais, posibles crenzas e, en definitiva, os valores simbólicos do folclore asociado ás augas do Balneario de Lugo. A nosa fonte documental principal foi a da memoria transmitida por vía oral, sen renunciar á pouca bibliografía existente sobre estes aspectos. Ofrecemos un resumo das narracións tiradas da memoria e das experiencias de persoas, homes e mulleres que tiveron algunha relación directa, de veciñanza ou laboral, co Balneario de Lugo. Memorias de vida, relativamente recentes. A última parte dedicámola a comentar algunhas pegadas sobre o posible uso en época medieval das augas caldas de Lugo para realizar a coñecida como proba caldaria.

Introdución

O efecto curador das augas en xeral, e das caldas en particular, é ben coñecido desde a Antigüidade. Unha listaxe de mananciais con propiedades medicinais tirada da moi extensa bibliografía sobre as augas curadoras que se coñecen, sería longa, case inesgotable. A maioría foron e son indicadas para remedios que curan ou alivian toda clase de doenzas: cegueiras, esterilidades, sarnas e outros moitos males, pero tamén se di que hai outras, as menos, que poden ser perigosas ata o extremo de entolecer ou de destapar o que de malo, escuro ou oculto hai en quen fai uso delas.

As augas limpan pero tamén delatan; curan e purifican, pero tamén castigan ou, segundo se interprete, rexeneran como é o caso do mito do diluvio. Poden activar a memoria pero tamén o esquecemento, sen renunciar a superiores fantasías como aquela dos dous ríos que hai, ou houbo, en Tesalia, cuxas augas volven brancas ou negras as ovellas, segundo en cal das correntes beban.

As augas termais son as que manan quentes dun manancial que brota da terra. O seu uso tiña unha finalidade principal, sen desbotar a hixiénica, preferentemente terapéutica e, en moitos casos, como é o de Lugo, sobre estes mananciais foron construídas infraestruturas en época romana denominadas Thermae.

O uso ritual das augas termais

A explotación industrial e turística que se comezou no século XIX, as regulares crecidas do río Miño ao longo do tempo e outros factores puideron levar por diante, eliminar ou borrar depósitos materiais (aras, exvotos, numismática …) privándonos da posibilidade de coñecer posibles usos rituais destas augas.

É probable que antes da época romana xa fosen utilizadas con fins medicinais, o que, loxicamente, iría asociado a algún tipo de culto tanto ás propias augas sagradas como ás divindades que lles confiren as virtudes propiciatorias para a saúde. Aras e epígrafes atopados no Balneario de Lugo, obxecto de análise noutros artigos desta obra, son proba contundente desta afirmación.

Os restos arqueolóxicos[1] exhumados no século XX, catorce fragmentos de aras votivas, das que seis amosan epígrafes con dedicatoria ás ninfas (Hervés e Meijide 2000: 187-196),  parecen confirmar a existencia dese posible culto a divindades relacionadas cos usos terapéuticos destas augas desde os tempos de Roma.

As augas termais, ademais de curar males físicos específicos, inflúen na psique. Alivian a tristeza, acougan a ansiedade, estimulan e purifican o organismo … polo que no decurso do tempo foron e seguen sendo consideradas graza ou xentileza dalgunha divindade. E así sucedeu decontino, mudando o nome do deus segundo a época.

Un sincretismo de crenzas, ritos e prácticas na procura de remedios contra o mal. No acto de curación interveñen as propiedades terapéuticas das augas e os deuses ou seres sobrenaturais asociados.

Ata que se coñeceron, tras análises específicas, os compoñentes minerais desas augas, a auga que cura foi considerada máxica[2], e o lugar ou Balneario onde se ofrecía, un lugar sagrado, bendicido polos deuses. Un santuario, en definitiva. Os beneficios salutíferos destas augas sosteñen por si sós calquera devoción, chámese como se chame o deus que se arroga a concesión das súas marabillosas propiedades.

O culto ás augas nunca foi abolido, aínda que si vixiado ou controlado. Cada tempo coa súa relixión dominante intentou acomodar este culto popular aos seus intereses.

O cristianismo demonizou aos deuses do paganismo. O “De correctione rusticorum” de Martiño de Dumio é un magnífico manual para coñecer as prácticas que se conservaban arredor do culto ás augas na Galicia do século VI. Nese texto, a condena da práctica do culto ás augas é recorrente, pois considérano impregnado de prácticas máxicas prohibidas e invocacións demoníacas.

A igrexa católica acabou permitíndoos, asumíndoos. Onde había un deus romano puxo unha Virxe, a Xesús Cristo ou algún santo ou santa. A vulgarización destas crenzas, atribuíndollelas en exclusiva ás clases populares, disimula a continuidade dun culto consentido, para oficial, manifestado de mil maneiras.

A existencia dun altar[3] (Pallares 1700: 18-19) no propio edificio do Balneario de Lugo, documentado xa no século XVII, así como a probada existencia desde entón dunha capela católica para ofrecer aos usuarios oficios relixiosos, pódese considerar continuidade cultual desde os tempos da romanización[4].

Aínda que desde unha mirada actual esta concepción sobre a auga como regalo dos deuses resultan obsoleta, e a práctica médica, tanto árabe como cristiá, foi confirmando cientificamente a súa utilidade como auténticas medicinas, moi útiles para a recuperación ou conservación da saúde, algo queda en nós daquela concepción naturista.

Outra norma non escrita sobre o uso ritual das augas termais naturais é a que di que hai que usalas sempre a carón do manancial para que non perdan calidades nin pureza. Non sempre, como se verá, se fai así.

A auga termal, un composto de diferentes elementos minerais, imprescindibles para a vida, se non ten alma, paréceo, pois dá vida.

Orixe mítica do manancial do Balneario de Lugo

As informacións de máis interese que nos facilitaron os nosos informantes teñen que ver coa orixe imaxinaria das augas caldas do Balneario de Lugo.

A primeira[5] dinos que “o manancial de orixe está situado debaixo da capela da Virxe dos Ollos Grandes da catedral”.

Como é doado de comprender, situar o nacente destas augas con propiedades curadoras nun lugar sagrado, ou sacralizado, é moi frecuente, aínda que, para o caso das augas dos baños de Lugo, que nós saibamos, o dato era absolutamente inédito. Outra informante[6] coméntanos a circulación dun rumor que pregoa que a verdadeira razón pola que non se deixa edificar nas Costas do Parque, ten máis que ver co medo a que se interrompa o curso das augas caldas que baixan desde debaixo da catedral, e non tanto con motivos estéticos, especulativos ou urbanísticos.

A capela da catedral onde se exhibe esta imaxe da Virxe foi construída no século XVIII; a talla, non obstante, pode ser do XII ou anterior. Suponse, tendo en conta que a catedral foi consagrada a Santa María, que debeu haber outra imaxe anterior. Ademais de ser a patroa de Lugo, a Virxe dos Ollos Grandes é a Santa María diante da que, segundo a cántiga LXXVII de Afonso X, O Sabio, recuperou milagrosamente a saúde unha muller.

Das augas, tamén caldas, do Balneario de Fuencaliente, en Ciudad Real, dise que brotan debaixo da igrexa da Virxe de Baños, mais neste caso está documentada a construción da ermida no século XII, enriba dun manancial xa coñecido e utilizado desde máis atrás Tamén se di que as Burgas de Ourense nacen debaixo da capela do Santo Cristo da catedral.

Unha segunda opinión sobre a orixe lendaria das augas do Balneario de Lugo fálannos da existencia dun volcán. O manancial principal estaría situado onda as Costas do Parque “Rosalía de Castro” e logo a auga pasaría “a carón dunha pedra ou algo así” que a quentaría.

A propósito da crenza na existencia dun volcán[7], outro informante[8] dinos  que lembra que cando era neno había un pozo atoado, cuberto con lousas, situado no exterior do edificio, á dereita da entrada do Balneario[9]. Lembra que lles dicían que non pasasen por enriba, nin se metesen dentro, que debaixo estaba o volcán; e que, de caeren nel, desaparecían para sempre.

Tamén lle transmitiu esta mesma opinión sobre a existencia dun volcán a nai doutro informante[10]. Chamábase Amparo Carballo, antiga traballadora do Balneario, engadindo ademais que o Balneario era obra dos “mouros”, “un pozo de auga dos mouros” quentada polo volcán. Desgraciadamente non podemos contrastar con esta señora se estes “mouros” serían ou non os seres míticos aos que a nosa tradición apón a orixe de tantos xacementos e construcións de orixe antiga e incerta.

 Outra información que lle transmitiu a mesma muller ao seu fillo é que había un túnel por debaixo da terra que comunicaba a catedral co Balneario, que llo contara xente máis vella ca ela.

É crenza antiga e universal, aínda que non a rexistraramos no caso de Lugo, atribuír o descubrimento das propiedades curadoras das augas quentes a animais (cervos, osos, cabalos, eguas, burros, cans, cabras, ovellas, porcos …) que padecen algún tipo de doenza, e que bebendo ou bañándose nas augas accidentalmente recuperan a saúde.

No que todos os e as informantes coinciden é na descrición do olor característico das augas do Balneario de Lugo: a ovos podres. Olor forte e desagradable que os traballadores do balneario levaban canda si, impregnado na roupa. “Oles a farmacia”, seica lles dicían[11].

E aínda que se  lles formulou a pregunta sobre a posible relación deste cheiro con personaxes e lugares do imaxinario cultural galego, caso do Demo e o Inferno, ningún deles estableceu, nin escoitou falar desa asociación.

É ben sabido que este olor a “ovos podres” é característico do xofre e dos sulfatos. O ácido sulfhídrico e o dióxido de xofre reaccionan entre si para formar xofre e auga quente, o que identifica as augas termais como sostén dunha vella tradición cultural, que as relaciona co inframundo e coas lendarias laparadas que arden decontino no Inferno cristián. Os gases que se xeran, ademais, son tóxicos e inflamables, incluso mortais a partir de certas doses.

Outros usos das augas

Ademais dos usos e servizos propios dun Balneario, dos recomendados polos médicos e descritos nos prospectos, existe unha intrahistoria que non se reflicte neses impresos.

Os enfermos pobres que non tiñan opción de entrar por non poder pagar a tarifa do Balneario, bañábanse nunha poza con paredes e fondo de terra que había, ao parecer, á dereita, antes do entrada ado edificio pola parte da Ponte Vella[12]. Outra informante[13] confirma que esa poza existía, e que efectivamente fora feita a propósito polos propietarios (entón da familia Neira) para permitir o baño fóra de temporada, aínda que non saben precisar o lugar exacto onde estaba.

Unha das preguntas que lles realizamos aos nosos informantes, tiña que ver sobre o posible uso das augas lonxe do lugar termal. A resposta, na maior parte dos casos agás un, sempre foi negativa, pois, como di a norma de uso tradicional, a “auga descomponse[14]”. Corrómpese. Porén, non sempre é así.

Nesta nota (Meijide 1996: 47) que recolle a acta da sesión da corporación municipal de Lugo do 18 de xullo de 1840, parece deducirse que xa entón se levaba a auga para as casas:

“el abuso de la casa donde subsisten los baños termales, que no sólo exigen derechos por agua que alguna persona necesita extraer para tomarla en su casa, sino pobres que pasan a él para curarse de sus dolencias …”

A seguir, no mesmo documento, a corporación comina ao propietario, a que se absteña de tales prohibicións:

“ … admitiendo gratuitamente a los que efectivamente sean pobres y teniendo abierta diariamente la puerta que desde el local da salida al camino, para que las personas que van a buscar el agua puedan hacerlo …”

Outro informante[15] confírmanos que el lembra como había xente que levaba auga do Balneario para as casas, para usala, sobre todo, como tratamento contra a caspa. Coa auga cocían ou preparaban infusións con follas de sabugueiros “choróns” (Salix babylonica), logo enchoupaban un pano nesa cocción e envolvíano arredor da cabeza, a modo de turbante, toda a noite. Se non era suficiente unha soa noite, repetíase á seguinte.

Cóntannos un caso[16] excepcional no que se permitiu levar a auga nunha botella pois era para tratar a psoríase dun bebé. Neste caso, a nai levaba a auga e na casa quentábaa para subirlle a temperatura. Logo bañaba con ela o neno e recomendábanlle que non o secase despois. O neno curou, polo menos momentaneamente.

Tamén se daba certa picaresca. Había xente que pedía encher un frasco ou unha botella para levar a auga para a casa. Aínda que se lles facía a advertencia de que perdía o tempo, pois a auga, ao arrefriar polo camiño, perde propiedades. Pero levábana igual. Despois comprobaron que nada máis saír do Balneario, xa a bebían.

E había tamén quen, por non pagar as tres pesetas que custaba en determinado momento todo o tempo de tratamento de auga para beber, había quen a roubaba da bañeira, esquivando a mirada do encargado. Usaban unha cunquiña que agachaban debaixo da roupa. “E non só o facían os pobres”, di a nosa informante.

Os tratamentos e os doentes

 “Lucus Augusti, fue famosa en la época romana por sus cálidos baños sulfúricos; las aguas existen todavía, porque son obra de la naturaleza; pero las thermae, que son obra humana, han desaparecido: algunos restos de un dique para contener inundaciones dan testimonio de su antigua magnificencia. Los actuales e incómodos baños están situados en la ribera izquierda del río Miño, y la estación de los baños es desde el 15 de junio hasta el 30 de septiembre, cuando resultan benéficos para las dolencias cutáneas y reumáticas. Los pobres pagan dos cuartos por el permiso de chapuzarse en ellos, y allí se les ve, como marsopas, o inmundae sues, en las aguas hirvientes entre las losas sueltas. Muy cerca de allí están las fuentes minerales, que contienen nitro y antimonio”.

(Richard Ford, 1845)

Como regra xeral, segundo a información que puidemos recoller, o tratamento mínimo duraba 7 ou 9 días, aínda que tamén os había de 11 e ata de 15 días. Sempre un número impar de días.

Dábanse baños e chorros preferentemente, aínda que tamén se tomaba (e toma) a auga bebida. Había “baños de primeira” e “baños de segunda[17]”. O material das bañeiras era distinto; de mármore nos de primeira, e de azulexo nos de segunda. O prezo e o servizo que se daba en cada caso tamén eran diferentes. Aos médicos non se lles adoitaba cobrar o tratamento.

Segundo nos di Ángel Carlos López Rojo, “Carlos da Veiga”, el lembra que había pacientes que facían dous tratamentos na temporada, un de 7 ou 9 días en xuño e outro doutros tantos días de duración en setembro, coincidindo co inicio e remate do período oficial de baños (de 15 de xuño a 15 de setembro). Tamén nos comenta que se recomendaba repetir eses tratamentos 3 anos consecutivos ou 5 alternos. O momento de máis afluencia, non se sabe moi ben a razón, coincidía coa lúa minguante do mes de agosto[18].

As procedencias dos bañistas eran moi variadas, de varios puntos da provincia de Lugo, e tamén leoneses, da zona de Ponferrada. Algúns viñan de Madrid. Entre os máis próximos, en determinada época viñan moito do concello de Friol pois, ao parecer, un médico apelidado Muíña soía recomendarlles estes baños aos seus pacientes. Nunha soa xornada, lembran, entraron no Balneario procedentes de Friol 83 persoas.

Tamén se fala da existencia dun artefacto que estaba situado  mesmo á entrada do edificio e que consistía nun roda ou roldana coa que se subía auga coa forza humana a un depósito situado na parte superior. Segundo un informante, esta auga era fría e usábase despois para temperar a auga do baño, no que se poñía un termómetro ata conseguir a temperatura indicada polo médico. Segundo outro dos nosos informantes, a auga que se subía ata un depósito para que gañase presión, era quente e usábase para dar os chorros. Chegou o día en que o artefacto manual avariou, e foi substituído por un motor[19]. É moi probable que existisen unha ou dúas máquinas desas características, usadas coa dobre función que se comenta.

Os veciños do Balneario, polo menos os mozos, gozaban dalgún que outro baño fóra de temporada, normalmente co permiso da persoa encargada da custodia do edificio.

Entre os pacientes lembrados polos nosos informantes citan a un abade de Samos, chamado don Mauro, ao bispo que foi de Lugo, Ona de Echave, a María de Alvarado ... Fálase de pacientes que repetiron moitos anos seguidos; e nun caso concreto máis de sesenta anos consecutivos.

O Balneario foi temporalmente cadea supletoria da principal de Lugo durante a chamada guerra civil, e tamén serviu nesa época de acuartelamento para as tropas “moras[20]”. Seica estes soldados usaban caixas de mistos con “santos” moi bonitos, e como as tiraban por alí, dicíase que había mozas de Lugo que as ían apañar. Unha desas mulleres tivo un fillo dun daqueles soldados.

Curacións milagrosas

Os enfermos que acudían ao Balneario eran, normalmente, persoas maiores e bastante deterioradas fisicamente. En tempos viñan montados nun cabalo ou nun burro, ata que se impuxeron os coches. En xeral, xente achicada, moi acabada.

Algúns, sen precisar nomes nin procedencias exactas, incluso chegaban sen poder andar, apoiándose nun bastón ou en muletas. Un señor chegou tan eivado que o tiñan que transportar nun carro entre a pensión e o Balneario.

Tamén houbo casos de curacións considerados, polo sorprendentes, milagrosas. Moitos daqueles enfermos, dinnos, aos tres ou catro días de tratamento melloraban de aspecto ostensiblemente.

Cóntase como anécdota, que se cadra agacha un ritual moi antigo e unha alusión explícita ao posible uso de exvotos, que aqueles doentes máis ricos que chegaban ao Balneario apoiándose en muletas ou bastóns, que, logo de curaren ou melloraren dos seus males, deixaban alí os caxatos en sinal de agradecemento pola curación. Era frecuente ver un número bastante alto destes bastóns, moitos, incluso, con requintados adornos de prata ou de ouro no mango[21].

Este mito da curación case milagrosa xa o insinúa Miguel Pedreira nun xornal en 1926[22]:

“Enfermos anquilosados por el reuma han soltado las muletas a los cuatro baños; el prodigio corre de boca en boca; pero no se extiende más allá de unas leguas a la redonda. A lo sumo, los baños, sórdidos, malolientes, remedan aspectos de la “Corte de los Milagros”

Un detalle que lembran os veciños de arredor é que todos os pacientes, sen excepción, logo do tratamento diario, volvían paras as casas onde facían pousada ou para a pensión moi tapados, envoltos en mantas para que non os collese o frío.

Residencia dos enfermos

Por poder adquisitivo distínguense dous grandes tipos de clientes: os que se podían permitir residir no hotel do Balneario, os máis podentes[23], nalgunhas épocas tratados con certo luxo, e os que residían en fondas ou incluso en casas particulares.

Entre os menos podentes aínda había, cando menos, outras dúas subcategorías: os que podían permitirse pagar pensión e comida en fondas ou casas particulares dos arredores, e os que traían a comida das súas casas. Acostumaban traer un saco con pan, patacas, unha cunca de manteiga cocida, ovos, touciño …. Algúns incluso traían as mantas, e  tixola e pota, e permitíanlles cociñar nas casas.

Chamábanlles “os do saco”. Paraban en casas particulares. No Polonio, na casa dos Serrano, na casa da Cuerva, na de Cabarcos ou no chamado Merendero ...

Os que podían permitirse pagar fonda instalábanse na “Casa da Concha”, cuxo edificio foi expropiado e derruído no último terzo do século XX. Esta casa xa existía e anunciaba reformas (aumentar un piso na planta alta e outras obras no interior), no ano 1891[24]. Anunciábase nos xornais, ofrecendo aos forasteiros hospedaxe cómodo e económico. Ese mesmo ano morre a propietaria de entón, Nemesia Fernández[25].

Unha parte dos pacientes chamados “do saco” aloxábanse no Balneario. Custáballes un pouco máis que nas casas privadas, pero moito menos que aos clientes podentes.

 Había uns cuartos habilitados a tal fin na primeira planta. Destinábanse a este uso entre 6 e 8 habitacións. Para o dispor destes pacientes había unha gran cociña cunha lareira no medio, e arredor da lareira colocaban os pucheiros de barro coa comida; cada un o seu[26].

Ofrendas

Unha das formas de honrar aos deuses das augas termais consistía de ofrendarlles moedas (stipes yacere). No Balneario de Lugo, cando se realizaron escavacións para construír a piscina termal, apareceron algunhas moedas entre outros restos. E des que se retirou a grosa capa de terra que se acumulaba nas salas das termas alá pola década dos 80 do século XX, aflorou a auga. Nese auga, apenas uns dedos, moitos visitantes deixaban unhas moedas que, por mor da corrosión, se deterioraban en seguida. Agora, segundo nos informa o propietario do Balneario, vai a menos ese costume pero aínda hai xente que o fai.

As ordalías ou xuízos de Deus: A proba da auga quente

A “xustiza de Deus[27]” ten orixes antigos e incertos e tivo vixencia nos reinos cristiáns europeos na Idade Media. As probas ás que se sometía aos sospeitosos eran moi variadas. Torturábase de moitas maneiras, mediante auga e lume, con ferros candentes, veleno, probas de afogamento, leas, combates ou duelos,  e, en fin, case toda canta ocorrencia pasase pola mente daqueles xuíces canónicos dispostos e declarar a inocencia ou culpabilidade (pois era Deus quen así o decidía) de quen superase indemne probas deste tipo.

Unha variante destas probas consistía en someter ao sospeitoso, debidamente atado, a probas de auga fría nun río ou no mar. Se afundía era considerado inocente; de aboiar, era declarado culpable. Claro que podía suceder que sendo absolto pola xustiza divina, acabase afogado por culpa da impericia humana.

Sobre a posible realización nas augas caldas de Lugo dalgunha destas probas de verdade coas que se pretendía probar a culpabilidade ou inocencia dun reo temos algunhas referencias[28].

 Na “Crónica General España. Crónica de la provincia de Lugo”, escrita por J. Villa-amil y Castro na segunda metade do século XIX, dise:

 “Por último, de las termas solo se conservan hoy unos frogones que parece se destinaron á contener el río en sus avenidas; en tiempo de Pallares existían todavía algunas bóvedas de ladrillo, en una de las cuales se decía misa a los enfermos, y en la Edad media se utilizaron sus férvidas aguas para hacer la prueba del agua caliente, según lo indica un instrumento de 995 citado por el P. Risco”.

En (Puyol 1926: páx. 408) di:

“El P. Santa Rosa cree ver un ejemplo de ella en cierto caso contado por Risco con motivo de una escritura fechada en la ciudad de Lugo a 9 de febrero de 995, y en la que se cuenta que a un tal Istofredo y a su mujer Egilo, acusados de hurto, se les mandó que se purgasen del delito sumergiéndose hasta el cuello en las aguas del Miño, y que no bastándoles a los jueces esta prueba, fueron después sometidos a la de  caldera (sic). El P. Risco, que vió la escritura en el archivo episcopal de Lugo, añade que, hablándose en ella del sitio en el que la prueba se realizó, se dice: «Et fecerunt inde pena de rio in Mineo ad illas Kaldas», de lo cual se deduce que la pena de río era por entonces conocida, y que la inmersión, si es que tal fué el procedimiento usado en este caso, se verificó, quizá, en unas aguas termales (Aquas calidas) que están cerca del lugar del suceso”.

Mágoa que o autor asegure en nota ao pé que o P. Risco non diga nada acerca deste detalle, e que non sabe de onde puido sacar a noticia o P. Santa Rosa. O certo é que o Padre Risco (Risco 1796: tomo XL, 150) fai referencia ao asunto, e precisa que o lugar exacto onde se realiza a proba é “donde sin duda deben entenderse los baños, de que hize mencion tratando de las antiguedades Romanas pertenecientes á Lugo”

Onde se describe como se realiza esta proba, con referencia expresa a Lugo, é nunha obra anterior (Flórez 1741-1775: tomo XIX, 375), a propósito da solución dun conflito de dereitos sobre o lugar de Villarplano entre o bispado de Lugo e o mosteiro de Sobrado.

“Se ha dicho ya que durante esta época se rigieron los estados independientes por las leyes godas, y en ellas no se admitía prueba de este género, ni áun la caldaria. Consistía ésta en meter el brazo varias veces en un caldero de agua hirviendo, sacando cada vez una piedra del fondo. En tiempo de Bermudo II se hizo esta prueba para averiguar á quién correspondían unos bienes que litigaban la catedral de Lugo y el monasterio de Sobrado. El presbítero Inocente Salamito, representante del monasterio, metió diez veces el brazo en agua hirviendo, sacando cada vez una piedra del fondo: fajósele el brazo y se le sujetaren las ligaduras con el sello del Obispo, cuatro dias despues este mismo rompió los sellos y ligaduras, y el Presbítero enseñó el brazo sano y sin quemadura, á presencia del pueblo.

(Fuente 1855-1875: 408)

Reitérase o mesmo nun artigo que se reproduce na “Crónica Científica y literaria”, nº 90, de 6 de febreiro de 1818, pero con algúns matices, pois, supoñen,  a temperatura das augas non permitirían tales queimaduras:

“Hecha esta prueba, que verdaderamente era lo mismo que tentar á Dios, y pedir milagros, según espresan y confiesan los mismos delincuentes, salieron estos con las manos cauterizadas ó requemadas, dándose por convencidos del hurto: Et in pecato tiostro exivit ipsa paena ustulata super nos. Si la prueba se hizo pues con las aguas fervientes de los baños, debió de haber en ellos algún otro surtidor que ahora no existe, siendo templadas todas las que en el dia permanecen ; ó vean los geólogos si con los temblores de tierra ú otras revoluciones intestinas del globo pueden perder las aguas minerales paite del fuego y calor estraordinario que antes tenían, especialmente según el sistema que hace consistir dicho calor, no en la misma naturaleza de las aguas sino en la continua flotacion y roce de ellas con las tierras impregnadas de porciones metálicas por donde atraviesan y se encaminan a los surtidores”.

Limitámonos a deixar aquí estas notas, engadindo que un noso informante [29] si lembra que a súa nai lle contara nalgunha ocasión unha historia relacionadas coas augas do balneario de Lugo para realizar probas similares a esta.  Os xuízos con auga fervendo, tamén coñecidos como proba, lei ou pena caldaria, aparecen descritos no Foro de León[30] (século XI), e foron prohibidos polo papa Alexandre III a finais deste mesmo século, aínda que se seguiron practicando durante algún tempo.

Conclusións

Con esta aproximación ao folclore e á memoria do Balneario de Lugo non facemos máis que encetar unha liña de investigación pouco explorada polo de agora.

Probablemente houbo tradicións, costumes, ritos, literatura, sucedidos que se esqueceron, seguramente irrecuperables, e que tan só podemos intuír. Pero, se o procuramos, con tempo e con paciencia, sabemos que poderiamos descubrir moito máis.

A memoria é fráxil e imprecisa, pero transmite un valor que non pode comunicar ningunha outra fonte documental: o íntimo, o privado, o intransferible. Ninguén pode saber o que sente o outro ou a outra, o que unha persoa percibe nun contexto de enfermidade ou dor, momento este no que se activan todos os recursos  que unha cultura reserva para as situacións de emerxencia.

 Xunto coas prácticas e as técnicas, a nosa cultura constrúe imaxinarios, mitos e ritos, que dan cohesión ao discurso, que amalgaman  e dan sentido ao que facemos. Imaxinarios que elaboran códigos de conduta moi definidos e útiles para cada situación.

Nun futuro, incrementando o número de entrevistas a persoas potencialmente transmisores (pacientes, traballadores ou veciños do complexo termal), combinando estas memorias e experiencias coas achegas imprescindibles da arqueoloxía, a historia, a medicina e outras ciencias e especialidades vinculadas, poderiamos radiografar unha realidade simbólica coma esta, tan atractiva e tan antiga, capaz de retratarnos incluso máis atrás dos tempos de Roma.

INFORMANTES

Domingo López Rodríguez”Txomin”

Naceu no barrio da Ponte en 1944, onde viviu, agás un breve período, toda a vida. Casou cunha muller descendente dos últimos propietarios da Casa da Concha, a coñecida hospedaría próxima ao Balneario.

J. Manuel López Carballo, “Chuco”

Naceu no barrio da Ponte (Lugo) en 1961, onde se criou e reside. Rexenta un establecemento de hostalería. A súa nai, Amparo Carballo, (Aller, Asturias), 1921 – Lugo, 2013) traballo desde moi nova ata 1955 no Balneario de Lugo.

Ángel Carlos López Rojo, “Carlos da Veiga”

Naceu en Monterroso (Lugo) en 1938 e viviu nunha casa a carón do Balneario desde, aproximadamente, 1943 ata 1970.

Informante anónimo. Muller (80 anos?). Antiga traballadora do Balneario

Agradezo aos informantes  a súa colaboración, aos propietarios e traballadores actuais do Balneario de Lugo as suxestións e informacións facilitadas, e moi especialmente os consellos e suxestións do profesor e investigador, ademais de amigo, José Luis Garrosa Gude.

BIBLIOGRAFÍA

Balbuena, Bernardo de. 1808 (2ª ed.): El Bernardo,  Imprenta de Sancha, Madrid, páx. 467.

Crónica Científica y literaria. 1818: nº 90, de 6 de febreiro de 1818, asinado por J. A. C.

Díez de Velasco, F. 1985: «Balnearios y dioses de las aguas termales en Galicia romana», Archivo español de arqueología 58: 69-98.

Díez de Velasco, F. 2016: «Los lugares de culto pagano de las aguas y su pervivencia en el cristianismo: el caso del termalismo en la Península Ibérica», en Los monasterios medievales en sus emplazaminetos: lugares de memoria de lo sagrado.

Flórez, E. 1741-1775: España sagrada. Theatro geographico-histórico de la iglesia de España. Madrid.

Fuente, Vicente de la, 1855 - 1875: Historia eclesiástica de España, III.

Ford, Richard. 2008: Manual para viajeros por España y lectores en casa: El reino de Galicia y Asturias (traducción de Jesús Pardo), Turner, Madrid.

Hervés Raigoso, F. e Meijide Cameselle, G. 2000: «O culto ás ninfas nas termas de Lugo», en Gallaeccia, nº 19, páx. 187-196.

Meijide Failde, Rosa. 1996: Termas de Lugo. Pasado y presente. Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial de Lugo.

Morales, Ambrosio de. 2012. Las antiguedades de las ciudades de España. Edición crítica del manuscrito / Juan Manuel Abascal. -- Madrid : Real Academia de la Historia. 2 v. (284, 424 p.) : il. ; 30 cm. -- (Antiquaria Hispanica ; 24)(Catálogo de Manuscritos de la Real Academia de la Historia ; 6)

Pallares y Gayoso, J. 1700: Argos Divina. Ed. facsímil. Lugo: Alvarellos.

Puyol, J. 1926: Orígenes del reino de León y de sus instituciones políticas, Real Academia de Ciencias Morales y Políticas, Madrid.

Risco, P. 1796. España Sagrada, Madrid.

Rodríguez Plasencia, J. Luis. 2014: «Sobre el agua (cultos y ritos acuáticos)», en Revista de Folklore, nº 386, páx. 12-27.

Villaamil y Castro, J. 1866: Crónica General España. Crónica de la provincia de Lugo. Volume I, Aquiles Ronchi, Madrid.


[1] No Museo Provincial de Lugo consérvanse outros achados epigráficos que se relacionan co culto ás augas termais, aínda que se atoparon afastados do contexto termal.

[2] Enténdase como conxunto de crenzas e prácticas  relixiosas.

[3] Crese que a capela ocupaba nesa época o antigo “caldarium” romano.

[4] Nunha reportaxe publicada en El Progreso (29 de agosto de 1954) dise que sobre o altar da capela do Balneario había unha imaxe da Virxe das Dores, obra de Francisco de Moure, e que a tiñan por patroa do Balneario. Traballadores do Balneario de  épocas posteriores non lembran esa imaxe pero si unha representación do Sagrado Corazón. Na actualidade a imaxe principal representa a Virxe do Carme. Convén lembrar que a propiedade do Balneario mudou de mans en 1956.

[5] Domingo López Rodríguez, “Txomin”.

[6] Informante anónimo.

[7] En Ourense, con respecto á orixe das Burgas,  tamén se di que nacen dun volcán que hai no lugar de Montalegre, monte próximo á cidade.

[8] Ángel Carlos López Rojo, “Carlos da Veiga”.

[9] Seguramente se trata do mesmo pozo que hoxe está visible no exterior do edificio.

[10] J. Manuel López Carballo, “Chuco”.

[11] Informante anónimo.

[12] Domingo López Rodríguez, “Txomin”.

[13] Informante anónimo.

[14] Informante anónimo.

[15] J. Manuel López Carballo, “Chuco”.

[16] Informante anónimo.

[17] Informante anónimo.

[18] Informante anónimo.

[19] Informante anónimo.

[20] Soldados voluntarios e mercenarios de orixe marroquí que combateron na chamada guerra civil española (1936-1939) ao lado das tropas golpistas comandadas por Franco.

[21] J. Manuel López Carballo, “Chuco”.

[22] M. Pedreira. “Estampas de la ciudad. Las termas de Lugo”, en La Libertad, 27 de agosto de 1926, páx. 3.

[23] Dábanse casos de familias que acudían acompañadas do servizo doméstico

[24] El regional: diario de Lugo: Num. 2568 (21/06/1891)

[25] El Eco de Galicia: diario de la tarde: Num. 1597 (09/09/1891)

[26] Informante anónimo.

[27] Unha institución xurídica de carácter máxico-relixioso que tivo vixencia ata finais da Idade Media.

[28] Véxase Meijide 1996, páx.38.

[29] J. Manuel López Carballo, “Chuco”.

[30] Conxunto de disposicións legais promulgadas polo rei Afonso V entre 1.117 e 1.120.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: