Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

nº 03 (2007).-FEIXOO, Xavier: 540 anos do derrubamento da Torre de Sandiás

Autor: Xavier Feixoo. Título completo: 540 anos do derrubamento da torre de Sandiás durante a revolta irmandiña (Primavera de 1467) Revista de Investigación nº 3, 2007. ISSN 1887-2859 URL: http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=34&id=1062 A torre de Sandiás foi unha das moitas fortalezas galegas que foron derrubadas durante a revolta irmandiña de 1467. Nesta revolta as xentes dos pobos e das vilas rebeláronse contra os ¨moitos agravios, danos e males¨ que recibían desde as fortalezas (¨refuxio de malfeitores¨) dos señores, cabaleiros e prelados. Para iso, organizáronse en Irmandades leais ó Rei, uníndose na primavera de 1467 nunha gran insurrección xusticeira que ía derruba-la maior parte dos castelos e torres que había en Galicia e obrigar a parte da nobreza a fuxir cara a Portugal ou Castela (a primeira fortaleza derrubada foi a de Castelo Ramiro, preto de Ourense, da que se teñen novas que foi derrocada o 25 de abril de 1467). Na primavera de 1469 a nobreza contraatacou vencendo ós irmandiños, facendo reconstruír algunhas das fortalezas ós mesmos vasalos que as derrubaran.Imos aproveitar esta celebración para dar a coñecer e a difundir, mediante o breve artigo que segue, a historia dun dos monumentos mais emblemáticos e coñecidos do concello de Sandiás: a súa torre. A torre do Castro, como é coñecida polos veciños de Sandiás, foi construída sobre un antigo castro que ocupa unha situación estratéxica que lle permitía un control total do territorio. A súa fundación aparece envolta en varias lendas relacionadas, incluso, con Bernardo do Carpio (século IX), aínda que o máis seguro é que fora construída na primeira metade do século XII, formando parte dunha serie de fortalezas (A Pena, Porqueira e Celme) realizadas entre os séculos XI e XII para o control da Limia. Participou nas guerras fronteirizas pola posesión do condado da Limia, entre o monarca Afonso VII de Castela e León e Afonso Henriques de Portugal, o futuro Afonso I de Portugal. No ano 1386 foi asaltada polo duque de Lancaster, pretendente á coroa de Castela. No século XV vai ser posesión de Alonso Pimentel, o conde de Benavente, punta de lanza da nobreza de Castela en Galicia que tamén vai se-lo señor da vila de Allariz, preto de Sandiás. Durante a revolta antiseñorial da primavera de 1467 vai ser derrubada polos irmandiños que estaban a sitiar o castelo de Allariz. A partir deste momento non sabemos se foi reconstruída ou non, posto que algún autor opina que endexamais se reconstruíu, mentres que a maioría deles opina que foi reconstruída polos Pimentel despois de 1469. Algún destes autores chegan a opinar que foi destruído polo famoso Pedro Madruga nas loitas sucesorias (1474-1479) entre os partidarios da irmá do rei (entre eles os Pimentel), a futura raíña Isabel a Católica, e os da filla do rei, Xoana a Beltranexa (apoiada por Pedro Madruga). Na guerra hispano-lusitana do século XVIII foi punto de concentración de tropas para a súa posterior distribución a diferentes puntos da fronteira durante un episodio da Guerra de Sucesión Española (1704-1715). Foi posesión das máis poderosas familias da provincia. Hoxe só queda parte da torre da homenaxe, na que se poden admira-los seus grosos muros. Constaba, ademais, de soto, de 3 pisos e terraza superior. Ó seu pé pódese admirar unha extraordinaria panorámica da desecada lagoa de Antela e da Limia Alta. Como chegar: A torre de Sandiás é unha das imaxes máis coñecidas da provincia de Ourense, por atoparse no alto dun outeiro moi preto da autovía A-52. Para chegar ata ela hai que saír na Saída 202 (Sandiás) desta autovía e seguila estrada N-525 ata o pobo de Sandiás; desde alí tense que cortar á esquerda cara ás Pegas e segui-los indicadores ata a aldea do Castro. Ó chegar á última casa só teñen que dar un pequeno paseo ata chegar á torre. Nota: Para ver fotografías da Torre de Sandiás pode visitar a web Cultura popular de Sandiás


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: