Actualizado en data 19/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

NOVAS / INICIATIVAS

Proxecto Ponte na fala

O obxectivo fundamental deste proxecto é a recolleita, conservación e difusión da literatura oral popular da Ponteceso.
O xeito de facelo é colaborativo e aberto:
Colaborativo porque o Concello, impulsor inicial desta idea, citou nun primeiro momento a unha serie de asociacións culturais e veciñais de todas as parroquias, co ánimo de presentarlles o proxecto e convidalas a facelo seu.
Aberto porque a listaxe de colaboradores non é pechada, e desde aquí invitamos a sumarse a todas aquelas persoas ou entidades que o desexen. Para iso non teñen máis que poñerse en contacto do Departamento de Cultura municipal.
Así, podemos dicir que o carácter comunal desta angueira constitúe en si mesmo un obxectivo. Regularmente mantéñense reunións para dar conta do traballo realizado, poñer en común os atrancos e dúbidas que se atopan, e intercambiar consellos, opinións e informacións que nos permitan superalos.
Conscientes de que este patrimonio que temos entre as mans non é ningunha reliquia, senón algo vivo, e sobre todo útil, moi útil, as xuntanzas funcionan tamén como un laboratorio de ideas e propostas para aplicar o material a ámbitos como o educativo, o artístico, o lecer ou a promoción turística do territorio.
Este blog é a principal ferramenta de difusión do proxecto. Faise para ir dando conta da evolución do traballo e para entregar ao público as pezas que se recollan. Un traballo completo de catalogación non está contemplado nesta primeira fase do proxecto, polo que as gravacións colgadas no blog distribuiranse nunha primeira división en narrativas, poéticas e paremiolóxicas. Ademais tampouco figurarán publicamente o datos das persoas informantes, malia a que loxicamente estes datos si se recollan e figuren na base do proxecto.
_____
--Enlace web: PONTE NA FALA
_____


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: