
| Pasou en Vilarente, no concello de Abadín (Lugo). Había un cura que esconxuraba e dicían que cando había tronada que se vían os nubeiros. Un día que se armou unha treboada meu avó estaba na rectoral. O cura púxose a ler nun libro e, mentres lía, suaba; veña ler e veña suar. Ata que dunha vez o cura chamou a meu avó e díxolle: -¿Tu queres ver o que pasa aí fóra, os nubeiros eses que van aí? -Eu quero. -¡Pois tócame no ombro esquerdo¡ -Non sei se era coa man dereita, non recordo-. ¡ Tócame aquí e verás! E nada máis tocarlle, dixo meu avó, viu non sei cantos homes con lanzas e cousas ameazando ó crego. E un daqueles homes veu cara ó cura cun coitelo na man, de fronte. E, entón, o cura preguntoulle: -¿Que queres? -¡Quero unha espiga de trigo! -respondeulle o nubeiro-. -¡Non! ¡Non, unha espiga de trigo non cha dou, que me levas a colleita toda!-díxolle o cura. E o cura, sen máis conversa, arreboloulle a sola dun zapato. O nubeiro marchou e descargou nunha carreira que hai moi fonda a carón da igrexa parroquial. Descargou alí toda a malicia. E cando se foi derretendo aquela area que deixara o nubeiro víanse unhas pedriñas coma bólas moi lisiñas, moi bonitas. |
|
BIBLIOGRAFÍA |
CATEGORÍAS RELACIONADAS |