
| Hai moitos anos nunha carballeira moi preto de aquí houbo unha pega que fixo o niño nun carballo bastante torto e moi alto. Despois de choca-los ovos, nacéronlle cinco peguiños. A pega estaba moi contenta e orgullosa da súa niñada. Buscaba comida para as súas crías non moi lonxe do niño, para así te-lo controlado e que ninguén se aproximara a molestar ós seus fillos. Certo día que estaba acomerando as súas crías apareceu un astuto e famento raposo. Ó pasar por debaixo do carballo sentiu un pouco de barullo e mirou para arriba. —Mira onde teño comida— dixo para el—. Pero o carballo é bastante alto, ¿como podo facer para mata-la fame? ¡Xa sei! —¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego? —Non darei non, que meus fillos son. —dixo a pega, toda chea de razón. —¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo! —dixo o raposo ameazando con corta-lo carballo. Diante de tal ameaza, a pega púxose a cavilar: se non lle dou un fillo é capaz de tronza-lo carballo e... así vai comer a tódolos meus fillos. Así que chea de medo e dor botoulle un pego abaixo. O raposo coa fame que tiña a penas o remoeu, case que o tragou enteiro e coas plumas. Mentres a pega quedou chorando a súa perda, o raposo foise todo contento e coa barriga chea. Para o día seguinte, case que á mesma hora o raposo achegouse á carballeira para volver a comer. —¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego? —Non darei non, que meus fillos son. —¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo! Chea de medo a pega botoulle outro pego. O raposo que hoxe non traía tanta fame doulle tempo a saborear aquel exquisito bocado e foise todo contento pensando que ó día seguinte xa sabía a onde tiña que acudir para calma-la súa fame. E así fixo. Chegada a hora de comer o raposo foi cara a carballeira. Chegou ó pé do carballo e... —¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me áas un pego? —Non darei non, que meus fillos son. —¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo! A pega toda atemorizada botoulle outro peguiño. Así ata que certo día, cando xa só lle quedaban dous filliños, veu a conversa entre o raposo e a pega un carrizo que pasaba por alí. —Oe, non é por nada, pero coido que estás facendo mal. —¿Como que estou facendo mal? Se non lle boto un fillo corta o carballo e vai comer todos. —Dixo a pega toda apesarada. —¡Que va, muller! O que lle tes que dicir e que sen serras nin machado non se tronzan os carballos. Xa verás como non é capaz de facelo. —¿Ti cres? ¿Non me enganarás? —Non muller, ¿como te vou a enganar? ¿Que gaño eu con enganarte? —Ben, pois así farei. Agardo non arrepentirme. Ó outro día a iso da hora de comer o raposo acudiu á cita todo confiado con apaga-la fame con outro dos fillos da pega. —¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego? —Non darei non, que meus fillos son. —¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo! —Sen serras nin machados non se tronzan os carballos. O raposo diante de tal ousadía enroscou o rabo ó carballo e empezou a facer forza, pero claro, o carballo non caeu. Ameazou e berrou contra a pega, pero non lle serviu de nada e tivo que marchar de alí cabreado e cheo de fame. A pega quedou toda contenta cos poucos fillos que lle quedaban, pero aprendeu a lección para non deixarse enganar tan facilmente e quedou eternamente agradecida ó carrizo que tan ben a aconsellara. [Conto recompilado en Sego, Artes, Riberia (A Coruña) por Manuel Axeitos Pérez, da Pobra do Caramiñal (A Coruña)] |
|
CATEGORÍAS RELACIONADAS |