O Conde Santo de Lourenzá
Tense por santo aínda que, polo menos oficialmente, non é tal. Conde Santo chámaselle a Osorio Gutiérrez, parente dos reis Ordoño III e Ramiro II, e de San Rosendo, e fundador o ano 969 do mosteiro benedictino de Lourenzá. Guerreou contra os mouros, foi gran señor, rico home, dos de pendón e caldeira, e xa vello profesou como leigo no mosteiro fundado por el.
En Vilanova de Lourenzá (Lugo) gárdanlle gran devoción, apóñenlle moitos milagres e fanlle festa polo derradeiro domingo do mes de agosto.
Entre as máis fermosas obras de arte galegas cóntase como das principais o seu sartego, xoia da arte paleocristiá feita de mármore gris con vetas azuladas. A xente que o visita mete a man por un buraco do sartego. Se consiguen tocarlle na caixa quedana liberados de pecado e poida que teñan algo de santos. Quen consigue tocarlle a man dereita, que está incorrupta e exenta da xurisdicción do tempo, cura de todos os males. Disque hai días que o sartego sua gotas gordas e moi frías.
A fantástica historia de cómo e por qué medios chegou este sartego a Lourenzá equipara ao Conde Santo con Santiago Apóstolo e con San Andrés, santos maiores, estes si, do reino de Galicia.
Despois de que Osorio Gutiérrez profesara como monxe peregrinou aos Santos Lugares de Terra Santa. E alí, en Xaffa, preto de Nazaret, viu un sartego fermosísimo que estaban labrando sete mouros; en Xafrra nacera Santiago e desde o seu porto partira o seu corpo cara a Padrón. En Xaffra, digo, víu aquel sartego e tanto lle gustou que ofreceu cincocentos siclos de ouro por el. E logo, a pesar dos sorrisos dos que consideraban esaxerado o prezo, mandou a dous porteadores que llo levaran á beira do mar, e alí coa punta do báculo que levaba, selou a tampa, e logo, xa pousado o sartego na auga, díxolle:
—A Lourenzá!
E o sartego, obediente, veu navegando polo Mar Mediterráneo, pasou o Estreito de Xibraltar, subíu polo Océano Atlántico, virou por Ortigueira e encallou fronte ao porto de Moreda, hoxe chamado de Foz.
Imaxinade o asombro dos focenses cando viron aquel sartego tan fermoso. Intentaron quitarlle a tapa e, como non poideron, avisaron ao bispo de Mondoñedo, don Teodomiro se chamaba, que o foi recoñecer e dispuxo que fose levado nun carro ferrado para os seus aposentos. O bispo ao ver o sartego antollárase que nel había descansar o seu corpo cando morrese.
Ata doce homes intentaron poñer o sartego no carro, logo sumáronse outros moitos, e tampouco o conseguiron. O bispo regresou á casa sen esperanza de que fose para si e dixo:
—O tempo descubrirá para quen é o sartego.
Cando regresou o Conde Santo da súa viaxe mandou a dous mozos recollelo. Puxérono nun carro sen maior esforzo e levárono ao mosteiro de Lourenzá, onde estivo ata que o conde morreu e o encheu co seu corpo.
Desde entón, e van alá máis de mil anos, fálanse prodixios do sartego e do santo corpo que había dentro ata o ano 1968. Queda dicir que o Pozo do Santo que hai no claustro do mosteiro ten auga milagrosa, e disque cura doenzas de toda condición.
[Texto extraído do libro
A flor da auga. Historias de encantos, mouros, serpes e cidades mergulladas, de Xosé Miranda e Antonio Reigosa, Xerais, Vigo, 2006, nº 108 “O sartego do Conde Santo”, páx. 123-124]
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Mitoloxía relixiosa
Ritos, Obxectos..
Pedras