Galicia Encantada
Actualizado en data 07/02/2010
Lista de correo
Envía unha lenda
Búsqueda por topónimo
ou calquera outro elemento

[conto] O cabalo do carteiro de Lagoa

Houbo un carteiro en Lagoa, parroquia do concello de A Pastoriza (Lugo), que era amigo do viño e entretíñase con frecuencia nas tabernas.
Unha vez botóuselle a noite enriba e cando pasaba dacabalo polo Alto da Corda de volta para a casa deu en tronar e lostregar. Caían uns raios de medo. O cabalo parou de repente:
-¿Que carafio pasa? ¡Arre, cabalo!
Nada; o cabalo non se movía. Desmontou e, ¿que pasara?; un raio cortáralle a cabeza ao cabalo polo pescozo e tíñaa tirada no chan.
Vai o home, colle a cabeza do cabalo e colócoulla no seu sitio. Montou e seguiu camiño de Lagoa coma se nada.
Cando chegou á casa, daquela non había luz, quixo meter o cabalo na corte pero o cabalo non entraba. Tiráballe do ramal:
-¡Arre, cabalo!
Pero non había maneira, o cabalo non entraba. Empurrábao e tampouco entraba na corte.
Pero a muller, atendendo aos berros e xuramentos do home, saíu e viu deseguida o que pasaba. Pois que o carteiro puxéralle a cabeza ao cabalo do revés, co fuciño mirando para riba e tropezaba no cargadoiro da porta.


BIBLIOGRAFÍA

Fonte:
Arquivo Chaira:Transcrición da versión oral de PLÁCIDO MORADO RIVAS, Abesada, Abeledo, Abadín (Lugo).

Bibliografía:
CUBA, X. R., REIGOSA, A., «Xeografía mítica da provincia de lugo (I): Cen lugares con lenda», en Croa, nº 8, 1998, pp. 42-63.


CATEGORÍAS RELACIONADAS

Astroloxía
Fauna
Literatura oral
Xeografía mítica






Enviar comentario a este artigo:
Texto:
Autor:
  Copia no cadro de abaixo os seguintes números:


Este é un sistema de filtro anti-spam instalado para evitar que o buzón de contacto se encha de mensaxes de publicidade non desexada enviados automaticamente por programas de spam. Serve para comprobar que o que escribe é unha persoa e non un programa.