
| Verdade ou lenda, alí onde o río dos Gafos se nomea río da Estación, en Figueirido, concello de Vilaboa (Pontevedra), acostuma escaravellar un trasno rebuldeiro, o demo asubiador. O tal perello ten por ocupación escoller no aninovo o parvo da aldea, un parvo por ano. O demo inviste o seu lecer, que é moito, asubiando no ouvido do escolleito. A vítima pasa o ano escoitando campás e sen saber onde. Cumprido o prazo, o mítico pillabán afánase na elección doutro coitado, e, segundo din, isto leva acontecendo dende que as orellas penduran da cachola. [Texto remitido por Calros Solla. Informante: Pedro Aboi Santos, 65 anos] |
|
|
CATEGORÍAS RELACIONADAS |
COMENTARIOS ENVIADOS