CATEGORÍAS RELACIONADAS
Arco da Vella, vaite de aí ...
Tamén chamado Arco do Ceo, Barco da Vella, Arco das Novas, Arco das Mozas, Arco das Vellas, Arco das Sete Cores, A Ponte Coloreada, Arco do Trono, Circo da Vella, Arco Iris, Seña, Gancho, Risco. Arco de cores que se alimenta das augas dos ríos e dos mares. En épocas de fame chega a secuestrar nenos e mozas, polo que, cando se ve, é conveniente recitar: «Arco da vella, vaite de aí, que as nenas bonitas non son para ti».
Da variedade de denominacións xa se deduce que haxa múltiples interpretacións a maiores. Como arco, pode ser o dun deus guerreiro, e foino de Marduk, do deus das treboadas en Finlandia, de Zeus en Homero, dos Vedas, de Rama Chandra, de Rustán/Saitán no Irán. Tamén pode ser un arco de triunfo.
Pode ser unha porta ou unha ponte: Pont du Saint-Esprit, Pont Saint Bernard; en Escandinavia, Ponte das almas (esto lembra por certo aquel terrorífico cantaruxo dos catecúmenos: «Dios tiene un puente de cristal, desde la tierra al cielo va». Noutras partes é unha serpe, unha amalloa, un cinto, unha faixa, un acueducto que leva auga dos ríos ó mar.
Para os mariñeiros, unha soga: «Que o Arco da Vella me sirva de gravata se...». Os barcos que pasan baixo el quedan malfadados.
Pero o máis común é que sexa o Arco da Vella. Ben, e quen é a Vella?
En Irlanda e Escocia é A Vella Muller de Bhara, a Cailleach Bheur das Higlands, a Cailleach Beara irlandesa, a Caillagh ny Groamagh de Mans. Nalgunhas tribos amerindias é Welekaga, deusa do inverno ou do clima.
Na nosa tradición quedan as pegadas dunha deusa asociada á lúa, rexedora do tempo e das colleitas, da que non se garda moita memoria. Non debe esquecerse que a Mari vasca aparece moitas veces con forma de arco iris.
Nalgúns lugares distinguen mesmo entre dous arcos e entre as cores que as compoñen: as máis escuras pertencen ás vellas, as máis claras, ás novas.
Arco das mozas,
cheo de pozas;
arco das vellas,
cheo de pedras.
Tamén se di que das súas cores a azul representa o diluvio de auga que fixo renacer o mundo e a vermella o diluvio de lume que o ha destruír. Non debe esquecerse que Deus puxo o Arco despois do diluvio como sinal de alianza coa estirpe de Noé. Por eso se chama Seña.
Segundo polo lado que se vexa e segundo a que horas, pode anunciar o tempo: se sobre o mar, bo tempo; sobre a terra, chuvia e neve; entre lusco e fusco, un mencer bo; no mediodía, chuvia todo o día; no ceo, boas novas; se se ve no poñente, mal tempo e se é ó raiar o sol, bo día.
Cando anuncia chuvia pódese esconxurar dicíndolle:
Arco da vella,
revírate pedra,
non botes chuvia,
nin pingadela.
Nota: Este texto forma parte da entrada correspondente no “Dicionario dos seres míticos galegos”, Ed. Xerais, 199. Autores: Xoán R. Cuba, Xosé Miranda e Antonio Reigosa. Ilustracións: Lázaro Enríquez.
Existe edición en castelán.