Actualizado en data 08/05/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O Mallo

Na parroquia de San Pedro do Incio, concello do Incio (Lugo),  hai un fermoso e antigo edificio coñecido polo nome de Pazo de Dompiñor. Sendo señor do pazo Roi Sánchez de Orozco tiña ao seu servizo un mordomo alcumado o Mallo que se encargaba da recadación dos impostos. E nese emprego parece que abusaba dos vasalos. Violaba mulleres, extorsionaba, torturaba; en fin, a ollos do común da xente o tal Mallo era un ser cruel e indesexable, odiado por case todos.

Unha vez que regresaba dunha cacería na compaña de seu amo e doutros señores da comarca, un raio certeiro matou o Mallo; seica quedou o seu corpo seco e negro coma o dun chamizo.

Roi Sánchez de Orozco quixo que o seu criado tivese un enterro consonte aos bos servizos que, segundo el, lle tiña prestado. Asistían representantes da nobreza e do clero, párrocos, cabaleiros e xentes do pobo que seguramente querían ter por si a certeza de que o malvado recadador quedaba soterrado para sempre.

Cando o crego que oficiaba, un tal Fatalis do convento de Samos, destapou o cadaleito para darlle a derradeira bendición ao corpo do defunto, levou unha gran sorpresa; na caixa non había corpo ningún. O ataúde estaba baleiro e cheiraba a xofre que apestaba.

Agreouse a xente toda coa noticia: Onde andaría o corpo do morto? Morrería de certo?, preguntábanse os que máis celebraran a súa desaparición. Aquel mesmo día na hora do solpor resolveuse o misterio.

No crepúsculo, sobre o roibén da anoitecida moitos viron a figura fuxidía do Demo montando sobre a anca do seu cabalo negro o corpo do Mallo. Suponse que se dirixían ao inferno.

Desde entón, polos veráns e contra a noitiña, hai xente daquel val que asegura que cando o roibén tingue de vermello o horizonte volven ver o Demo dacabalo da súa cabalgadura e enriba o corpo chamuscado do perverso recadador.

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: