Actualizado en data 27/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xoán Soldado

Xoán Soldado é un personaxe de ficción presente na tradición folclórica galega, española e tamén na suramericana. Aparece nos contos como un soldado raso que regresa licenciado despois de servir ao rei durante moitos anos e que en pago dos seus servizos só recibiu unhas poucas moedas ou un bolo de pan.

Na maioría das versións rexistradas en Galicia, Xoán Soldado encóntrase no camiño con Xesús Cristo e San Pedro. Xesús Cristo quere probar a súa xenerosidade e insta ata tres veces a San Pedro a que lle pida unha caridade. Xoán Soldado reparte con eles, efectivamente, o pouco que posúe e Xesús Cristo, en agradecemento, concédelle tres desexos. Xoán Soldado pide e recibe un pau máxico que lle permite cazar o animal ao que lle apunte sen dispararlle, que todo o que lle apeteza entre no seu macuto con só dicir “ao meu macuto” e que puidese entrar en todos os sitios onde entrase o seu morrión.

San Pedro enfadouse moito pois insistíalle para que pedise ir ao ceo cando morrese pero el non lle fixo caso. Cando morreu, Xan Soldado chegou á porta do ceo pero San Pedro, en vinganza, non lle deixou entrar e mandouno camiño do inferno.

Nalgunha versión deste conto un dos desexos que se lle concede é unha figueira da que non pode baixar quen sube a ela ata que Xoán Soldado llo permite. Neste caso, cando o demo vai recollelo para levalo ao inferno, Xoán Soldado mándao subir á figueira e como non lle deixa baixar, non o pode levar canda el. Xoán Soldado é teimudo e volve petar na porta do ceo. San Pedro segue ofuscado e tráncalle o paso pero cando lle pide que lle deixe botar un ollo desde fóra para ver como é por dentro, San Pedro entreabre a porta e Xoán Soldado tira o morrión dentro. A San Pedro non lle queda máis remedio que deixalo entrar.

En Contos populares da provincia de Lugo (1963) veñen dous contos protagonizados por este personaxe. En Contos vianeses (1958) Laureano Prieto dá conta doutros dous procedentes de Viana do Bolo. E no Cebreiro, Martine Roux (1982) recolle outro no que Xoán Soldado usa os poderes máxicos que lle foron concedidos para retrasar o momento da morte varios centos de anos.

O Equipo Chaira recolleu na Pontenova outro conto co mesmo protagonista que presenta unha variante relevante. Xoán Soldado reta e vence un crego nun exame que consiste en interpretar, cadaquén ao seu criterio, a lingua de signos. Os mesmos recompiladores rexistraron no concello de Abadín en 1992 outro relato no que Xoán Soldado comparte o pouco pan que leva no macuto cun enigmático rei Levitas.

O actor e director Fernando Fernán Gómez dirixiu e protagonizou en 1973 a película “Juan soldado” cuxo guión está baseado nunha recreación do conto tradicional escrita por Fernán Caballero.

Para rematar este artigo, digamos tan só que a historia de Xoán Soldado toma unha curiosa deriva nalgúns países americanos. En Tijuana (México) unha nena foi violada e asasinada. Un xefe militar sinalou ao soldado Juan Castillo Morales como culpable e foi executado sen xuízo. O pobo, pola contra, sempre o considerou inocente e hoxe é venerado como santo e chámase San Juan Soldado.

© Antonio Reigosa


Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 23 de outubro de 2023

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: