Actualizado en data 02/06/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Toponimia

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O Castelo da Raíña Loba

O Penedo da Raíña Loba atópase na parroquia de Covas, no concello de Os Blancos (Ourense), a uns 1.150 metros de altitude sobre o nivel do mar. Dise que tomou o nome dun castelo roqueiro erixido nos séculos XIII ou XIV. Das súas murallas non quedan restos, ao parecer as súas pedras foron reaproveitadas polos veciños para construír as casas. O que si se conserva é un pozo escavado nunha pena que, segundo nos contou un veciño, ben pode acoller uns 5.000 litros de auga. Apareceu algún muíño circular de man e anacos cerámicos. Nunha rocha hai gravado un xogo de "alquerque de nove".
O día 28 de xuño de 2014, cando andabamos polo lugar, tivemos a sorte de coñecer a un home, xubilado hai anos, que naceu na aldea e viviu ata a mocidade en Covas, e que na actualidade reside en Xinzo de Limia. Sempre que pode, achégase ata a arruinada casa onde naceu el e outros cinco irmáns, e percorre as outrora traballadas e fértiles leiras, hoxe en día comidas pola matogueira. Contounos que el e os irmáns quixeron arranxar a casa, mais o seu vello pai impedírallo:
—A non tardar, como quedar, non han quedar nin os lobos —dixéralles.
Unhas bágoas de emoción brillaron tras os lentes do noso interlocutor.:
—E canta razón tiña! Eiquí chegamos a ser case setenta veciños, e agora non chegan á media ducia. En poucos anos non quedará ninguén. E éche ben certo, nin lobos hai, e había a esgalla, tantos que se facían batidas dende Xinzo para acurralalos no Foxo do Lobo cuxos restos aínda se poden ver naquel monte de alí — dixo, sinalándonos o sitio.
En efecto, a pouco máis dun quilómetro hai pegadas desta construción para cazar lobos, conservándose o microtopónimo de O Foxo.
—Ao mellor —auguramos—, o alcume de Castelo da Raíña Loba vén dos lobos que frecuentaban o lugar, e que logo a imaxinación popular lle inventou unha raíña.
—Non —respondeu—, a raíña existiu. O nome púxollo a xente merecidamente, era cruel, mala, tíñanlle moito medo. Apenas podían dispoñer do que con tanta suor lles proporcionaba a terra, obrigándoos a levarlle todos os días un xato, unha ovella e un porco. Quen se negaba a entregarlle o tributo era asasinado, ademais de lle queimar a casa e as colleitas. Mais eran tantos os abusos que un bo día, fartos, xuntáronse os veciños de Pexeirós e acordaron rematar con aquelas tropelías, e unha noite asaltaron o castelo, matando aos seus moradores que estaban a durmir. Non se sabe moi ben como morreu a muller, uns din que foi morta polo ferro, outros que, ao vérense acurralada, suicidouse, lanzándose dende o alto da torre. Daquel suceso quedou unha copla: Fidalgos de Pexeirós/matastes á Raíña Loba/Fidalgos quedastes vós.
Non moi lonxe do Penedo da Raíña Loba, o home sinalounos un altorelo duns 1.000 metros de altitude, coñecido como O Castelo Vello, inzado, como o anterior, de grandes penas graníticas. Asegurounos que alí tamén habitou xente e que cando era mozo aínda se vían muros e esteos de pedra.

[Texto remitido por Xabier Moure Salgado, de Becerreá (Lugo). Xullo de 2014]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: